Consulta, a continuación, os resultados e estatísticas das Seleccións Galegas Infantil e Cadete neste venres, seis de xaneiro; última data de competición para Galicia cos encontros de cruces clasificatorias do #KDTINF2017.
Web Oficial Campionato de España
#seleccionsgalegas #KDTINF2017 #SomosFuturoFEB
Infantil Feminino – 06/01/17
3º A – 3º B (Pavillón Diego Lobato. Huelva) (en xogo o 5º posto Grupo Especial)
(09.30 h) Galicia – Baleares
(59 – 33) (25 – 8, 10 – 12, 12 – 10, 12 – 3) Estatística
Galicia rubricou cunha cómoda vitoria ante Baleares o seu definitivo 5º posto da clasificación final do Grupo Especial. Con control do encontro de principio a fin, sen amosar inquedanza en ningún intre, o equipo de Nacho Silva despediu o campionato asegurando o seu derradeiro trunfo dende o 1º cuarto, cun parcial (25 – 8) que pouco deixou maniobrar as Baleares. O bo traballo de todo o EQUIPO, tanto en defensa como en ataque, veuse acompañado ademáis pola faceta anotadora das dúas Noas, Comesaña con 13 puntos e Padín con 11.
Infantil Masculino – 06/01/17
3º A – 3º B (Pavillón Diego Lobato. Huelva) (en xogo o 5º posto Grupo Especial)
(11:30 h) Canarias – Galicia
(60 – 57) (14 – 11, 14 – 18, 18 – 20, 16 – 8) Estatística
Canarias empezou fría ante un combinado galego que, nos primeiros compases, impuxo un ritmo alto, anotando os seus oito primeiros puntos en tres minutos de sequía canaria, situación que forzou un tempo morto rival buscando un cambio de actitude.
Canarias respondeu a esta necesidade e, desta vez si, enchufouse ao encontro conseguindo pechar o cuarto por riba (14 – 11). Os segundos dez minutos resultaron de transición, con ambos equipos tomando a medida ben de preto un ao outro, sen deixarse escapar no marcador. Ao descanso, todo por decidir, destacando 0s 18 puntos do galego Tomás Álvarez.
Na segunda metade de partido os de Ricardo Aldrey, engadiron o plus de forzas preciso para conquerir o obxectivo marcado no seu último encontro de Campionato, pero non foi suficiente. Uns sufridos segundos finais, con maior perfil anotador canario, deixaron coa mel nos beizos aos galegos que, de todos os xeitos, cumpren un bo papel neste #KDTINF2017 culminándoo en 6º posición do Grupo Especial.
Cadete Masculino – 06/01/17
Grupo Preferente 3º C – 3º D (Pavillón Andrés Estrada. Huelva)
(11.30 h) Castilla La Mancha- Galicia
(56 – 69) (17 – 25, 8 – 12, 15 – 14, 16 – 18) Estatística
Galicia Cadete Masculina pechou a súa presenza neste #KDTINF2017 cunha notable última actuación ante Castilla La Mancha. Os xogadores de Miguel Maseda encararon a cita co marcador de cara dende o primeiro cuarto, facendo súa esta dinámica ata o remate do mesmo.
Por momentos, os manchegos acurtaban distancias, pero isto non era máis que resultado de lances puntuais do xogo. En realidade, a vitoria galega nunca deu a sensación de correr perigo, certificando así un peche de ciclo positivo para os cadetes galegos, xeración que di adeus aos Campionatos de España.
Cadete Feminino – 06/01/17
4ºA – 5ºB (Pavillón Hernández Albarracín. Punta Umbría) (en xogo a permanencia no Grupo Especial)
(17.30 h) Galicia – Extremadura
(69- 24) (17 – 4, 15 – 8, 16 – 4, 21 – 8) Estatística
Contundente inicio galego para marcar o carácter dun encontro no que estaba en xogo a súa permanencia no Grupo Especial. Un primeiro cuarto de dominio total do combinado de Víctor Fernández (19 – 4) deixaba ás claras que a concentración ía ser clave.
O mecanismo galego funcionou sen fisuras, tanto en defensa como en ataque, acompañado ademais dos ánimos de toda a expedición galega dende a grada. A efectividade anotadora das nosas cadetes marcou a diferenza respecto ás extremeñas, demasiado esquivas ante canastra.
Os segundos dez minutos repetiron o esquema presentado no arranque de partido. Galicia movía o balón con rapidez e acometía con prestancia tanto a defensa como as axudas e recuperacións, mentres que o rival carecía do acerto e ideas precisas para acurtar a xa ampla distancia entre ambas as escuadras.
Ao descanso (34 – 12), Galicia marchaba con 22 puntos de marxe que resultou vital ao seu favor e que, de volta á pista, e cos mesmos argumentos, aumentou cada vez máis. Na segunda metade, e sen perigo rival, o encontro estaba sentenciado. Salientar este último esforzo de todo o EQUIPO para defender con solvencia a súa praza en Especial. Como máxima anotadora para as galegas(22 puntos) e con 51 de valoración, notar o papel de Raquel Carrera.
Estatística Cadete Feminina. Galicia – Extremadura (69 – 24)
Estatística Cadete Masculina. Castilla La Mancha – Galicia (56 – 69)
Estatística Infantil Masculina. Canarias – Galicia (60 – 57)