Campionato de España Infantil 2014:resultados galegos neste xoves

(Foto: FEB)

(Foto: FEB)

Galicia afronta no día de hoxe a xornada máis intensa en xogo do que será a súa traxectoria no Campionato de España Infantil 2014. Con dous encontros programados para cada Selección, a exixencia será importante tanto pola mañá como en horario vespertino.

Continuamos inmersos na Fase Previa, sendo a deste xoves, 17 de abril, unha data vital para a sorte de cada unha das nosas Seleccións nos seus respectivos grupos de xogo. 

 

Coñezamos cales son os seus resultados deste xoves, así como as estatísticas que ofrecen os mesmos:

web oficial do campionato: http://campeonatoinfantilbaloncesto2014.es/

Resumo 1º Xornada: mércores, 15/04/14

SELECCIÓN GALEGA INFANTIL MASCULINA. Grupo Preferente “C

(Galicia, Ceuta, Melilla, Castilla La Mancha e Cantabria)

17/04/2014 – 3º Xornada

(12:00 h) Galicia – Castilla La Mancha (51 – 48) (estatística)

Empezaron os galegos moi metidos no partido, ofrecendo gran actividade defensiva e roubando balóns en primeiras liñas de pase. A súa vantaxe no marcador, consecuencia directa desta boa entrada, establecíase moi pronto, a falla de cinco minutos, en 12–4. Os presaxios pois eran positivos.

Pero o primeiro reto deste xoves para os pupilos de Miguel Ángel Hoyo non fixera máis que comezar. Aos poucos, os manchegos comezaron a adaptarse ao partido. Unha situación que chegaba xunto no límite do final de cuarto e cando Galicia dominaba o luminoso (21-12).

O segundo período transcorreu por esta mesma senda. Galicia forzaba perdas e imprecisións visitantes e especializábase en anotar, establecendo a súa máxima diferenza, 15 puntos, neste cuarto.Castilla La Mancha intentábao con situacións de 1×1 que lle daban réditos grazas aos tiros de media distancia. Aínda así, ao descanso os números seguían a favor galego (34-12).

Un inicio fulgurante de terceiro cuarto dáballe aos nosos a máxima vantaxe do partido,18 puntos;Pero, en instantes, este gran momento desvaneceuse e xurdiron as dificultades. 15 perdas galegas de balón facían que os visitantes recuperasen o ánimo e recortasen a diferencia, deixándoa en 10 perigosos puntos. 

No derradeiro tempo, Galicia seguía confiando no bo xogo colectivo exhibido na primeira parte,pero esta vez o balón non quería entrar. Os manchegos, veloces e acertados no tiro exterior, apertaban no marcador, tanto que se puxeron a tan só 3 puntos a falla de 1´07´´para o final.
Definitivamente, os tiros libres e un pequeno intercambio de canastras decisorio decantaban a vitoria a bando galego.

(12:00 h) Melilla – Cantabria (45 – 86) (estatística)

17/04/2014 – 4º Xornada

(19:30 h) Cantabria – Galicia (62 – 52) (estatística)

Crucial partido para Galicia o que se disputaba na tarde de hoxe e que non resultou positivo para os nosos intereses. Dende o minuto cero as sensacións non foron boas. As continuas perdas de balón e a mala xestión dos espazos propiciaban que Cantabria adquirise xa unha cómoda vantaxe de 12- 4 a falla de catro minutos para acabar o período. Neste punto, unha tímida reacción galega, alentada por perdas locais grazas á presión, deixaba o marcador en 18-16.

O segundos dez minutos non serviron para mudar o panorama. Galicia non era quen de imprimir o carácter defensivo necesario para estar en partido e os Cántabros aproveitaban cada erro rival para materializalo en canastra. Os nosos eran continuamente pasados en 1×1 e, tras unha desvantaxe de 15 puntos a falta de dous minutos, logramos chegar ao descanso 11 puntos abaixo (41-30).

O terceiro cuarto respectou as mesmas pautas deste guión. Proseguía en negativo a faceta defensiva da Selección de Miguel Ángel Hoyo, quen precisou dun tempo morto para reorganizar ao equipo. Tras este, e entre un nerviosismo incipiente,
os locais íanse de novo, desta volta con 17 puntos arriba, acadando a súa máxima diferenza.

No derradeiro período un cambio na actitude defensiva de Galicia curtocircuitou a Cantabria, que tan só logrou anotar catro puntos neste tempo. Pese a isto, as perdas de balón e a mala selección de tiro eran xa para Galicia unha carga moi pesada. Aínda así, o combinado galego continuou, aos poucos, recortando a fenda ata deixala nos dez puntos definitivos (62-52)

(19:30 h) Ceuta – Melilla (32 -58) (estatística)

SELECCIÓN GALEGA INFANTIL FEMININA. Grupo Especial “B”

(Galicia, Cantabria, Cataluña, Andalucía e Canarias)

17/04/2014 – 3º Xornada

(10:00 h) Cantabria – Galicia (34 – 54) (estatística)

Galicia espertou esta mañá máis atinada que na xornada previa. Malia que custou atopar o ritmo do partido e ata o terceiro cuarto a distancia non foi definitiva, as nosas estiveron unha ampla marxe de tempo por diante no marcador con diferenzas de 4 a 6 puntos.

A igualdade en intensidade defensiva e o intercambio de canastras por parte de ambos os equipos presidiron os primeiros dez minutos. A falla de acerto de cara ao aro e o frouxo rebote defensivo por parte das dúas escuadras permitiron segundas opcións que tampouco se convertían en puntos, polo que sería un escaso parcial de 7 – 8 o que se firmaría neste cuarto.

Animáronse xa as cousas no segundo período. Galicia crecía na faceta anotadora. O seu maior acerto no tiro outorgáballe unha vantaxe no electrónico que xiraba en torno aos seis puntos e acadaría a súa máxima cota (17 – 25) chegado o descanso.

Na renovación do xogo o guión semellaba idéntico: intercambio de canastras, erros puntuais nos pases e diferentes defensas suscitadas polas cántabras. Galicia fraqueaba aquí e non era quen de atopar opcións idóneas nin a precisa comodidade sobre a pista. Cantabria, pola súa banda, gañaba folgos e pechaba este cuarto con posibilidades (30 – 37)

Vital foi o inicio do último período foi para certificar a escapada no marcador. Varios roubos de balón no perímetro galego, sumados a contraataques ben finalizados (providencial parcial de 2-8 no primeiros 5 minutos) favoreceron o despegue definitivo das xogadoras de Armando Otero. Grazas a este golpe final puideron rematar o partido ser relax pero coa relativa comodidade que traería consigo o tenteo (34 – 54) final.

(10:00 h) Cataluña – Canarias (55 – 40) (estatística)

16/04/2014 – 4º Xornada

(17:30 h) Galicia – Cataluña (25 -71) (estatística)

Non houbo partido ante unha Cataluña moi superior en todos os aspectos e que elevou o xogo a un alto nivel físico que Galicia sufriu e sudou.

No primeiro cuarto os erros en ataque, sumados ao pobre xogo galego, daban conta do que estaba por vir durante os corenta minutos. En primeira instancia, Cataluña facía súas 10 perdas nosas de balón coas que xogar á contra e asinar un primeiro parcial de 9-17.

Esta desesperante tesitura estendeuse ao longo do segundos dez minutos. Nestes multiplicáronse os erros galegos en ataque, parcela que ademais freaba á perfección o alto nivel de dureza da defensa Catalana. Ao descanso seu era o dominio cun amplo 18-36 a favor.

A volta dos vestiaros rompía o partido. A agresividade e defensa presionante de Cataluña levaba ás xogadoras de Armando Otero a non alcanzar aro con facilidade e forzar tiros que acababan, con rebote, nas acertadas mans dun rival que dominaba dentro da pintura (23-51)

A evidente superioridade física coa que chegaban as catalás ao final do encontro quedou en evidencia nos únicos dous puntos materializados por Galicia. Ao remate, no luminoso un 25-71 para aprender e seguir e, sempre, seguir crecendo.

(17:30 h) Andalucía – Cantabria (90 – 33) (estatística)

Galicia Infantil Feminina
Galicia Infantil Feminina
Infantil 2014: Calendario Completo

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram