Club Baloncesto Cambre promove unha acción solidaria para este sábado día 13 de decembro, aproveitando a dobre sesión de baloncesto que a entidade realizará no Pavillón Municipal Sofía Toro.
Neste marco, e convidando a todos os veciños e afeccionados da zona a participar, o club realizará unha recolleita a favor do “Banco de Alimentos Rías Altas”. Esta terá lugar a partir das 15:30 horas, e estenderase ata o remate do encontro de 1ª División Masculina, aproximadamente sobre ás 19:30 horas.
O importante obxectivo desta proposta é o de colleitar alimentos non perecedeiros, e preferiblemente que non necesiten ser cociñados, aínda que todo o que se aporte será, por suposto, moi ben recibido.
Desde o Club promotor animan tanto ao público asistente, como aos integrantes dos diferentes seus equipos, a comprometerse e colaborar con esta iniciativa, agradecendo ademais a boa predisposición e colaboración do propio Banco de Alimentos para poder levar adiante esta xornada solidaria.