C.B. Breogán e Pepe Rodríguez, protagonistas da “VI Semana de Adestramentos Adecco Oro”

O equipo lucense ofrece aos adestradores galegos a posibilidade de participar do seu día a día semanal, previo a unha fin de semana de competición. A ocasión, englobada dentro do programa da AEEB “VI Semana de Adestramentos Adecco Ouro”: será a da próxima semana, entre o 20 e o 26 de febreiro.

Os interesados en participar desta iniciativa poden enviar a súa solicitude de inscrición a través da FGB antes de este xoves, 16 de febreiro.

Por sexto ano consecutivo a AEEB, en colaboración con FEB e FGB, trae a Galicia a súa “Semana de Adestramentos ADECCO Ouro”, neste caso co C.B. Breogán como centro de atención.

Grazas a este programa formativo, o cadro de xogadores a cargo de Pepe Rodríguez compartirá a súa mecánica semanal de traballo. En concreto, a que atinxe á preparación completa do seu enfrontamento do vindeiro día 25 de febreiro ante Grupo Iruña Navarra (25/02/12 – 19.15 h).

Os lucenses abrirán as portas do seu día a día entre o 20 e o 26 de febreiro a todos aqueles adestradores que o soliciten de xeito oficial e que desexen aproveitar todas as vantaxes de ser partícipes dunha experiencia destas características.

Para facelo, os interesados dispoñen ata este mesmo xoves, 16 de febreiro, como prazo para tramitar a inscrición. E deberán proceder a través da propia Federación Galega (competiciones@fegaba.com ou adestradores@fegaba.com) enviando o formulario que aquí se achega.

Como é habitual, a Asociación Española de Adestradores de Baloncesto outorgará aos participantes nesta VI semana un certificado oficial de asistencia. O mesmo poderase convalidar por horas de prácticas para a obtención do título de Adestrador Superior, así como para os Cursos de I e II nivel da Federación Galega de Baloncesto (20 horas nestes dous últimos casos).

“VI Semana Adestramentos Adecco Ouro” – Formulario de Inscrición.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram