Barco de Valdeorras, escenario este martes para o Programa de Tecnificación FGB

O Barco de Valdeorras convértese na seguinte parada da Delegación FGB en Ourense no seu percorrido provincial co Programa de Tecnificación como referencia.

Na xornada de mañá martes 21, festivo en Ourense, os responsables deportivos da delegación aproveitarán para trasladarse ata o Polideportivo de Calabagueiros (Barco de Valdeorras) e alí traballar con todos os xogadores e xogadoras alevíns (nados e nadas entre o ano 2000 e o 2001) e benxamíns (nados e nadas en 2002 e posteriores) da zona que teñan a ben participar.

A aprendizaxe e a diversión están aseguradas nesta nova cita, na que se fusionan a práctica do baloncesto cos aspectos máis lúdicos que este transmite. Este aliciente, xunto a unha boa promoción da actividade nos días previos entre os colexios e as institucións da zona, fan confiar na presenza dun grupo importante de participantes.

A convocatoria exacta para cada categoría está marcada do seguinte xeito:

10:30 h – 11:30 h: adestramento alevín masculino e feminino.

11:30 h – 12:30 h: Competicións e xogos alevín e benxamín masculino e feminino.

12:30 h – 13:30 h: adestramento Benxamín masculino e feminino.

Como é habitual, adestradores de diferentes clubs ourensás prestarán a súa colaboración no Barco para poder, entre todos, seguir cumprindo a folla de ruta da Delegación para esta temporada 2011 – 2012. Os motores seguen pois en marcha. Resta agardar que o debut do Barco de Valdeorras como escenario dos Centros de Tecnificación sexa todo un éxito.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram