“Babybasket” solidario en Ourense

A Delegación FGB en Ourense celebra este domingo, 15 de abril, unha convocatoria “Babybasket” de carácter especial. A que sumará a quinta xornada desta competición amigable zonal na presente temporada 2017 – 2018 celebrarase nesta ocasión baixo a organización de Bosco Salesianos Ourense e será o escenario dunha colaboración do propio club e a Federación Galega de Baloncesto coa Asociación Española Contra o Cancro.

O Polideportivo Salesianos acollerá na mañá do domingo (de 11.00 h a 13.45 h) unha nova quenda de encontros da indicada categoría babybasket, contando coa presenza de 17 equipos que desfrutarán aprendendo, convivindo e xogando en formato “4×4”, e sendo, ademais, parte dunha importante causa social.

Xunto a FGB e Salesianos Ourense estarán nesta cita representantes da Asociación Española contra co Cancro na súa delegación en Ourense, dispostos neste caso a trasladar información a quen o desexe e recadar fondos con accións concretas durante toda a mañá. Así, o público asistente poderá compartir coa AEEC o seu tempo e solidariedade compartindo un café por tan só un euro, ou facéndose con pulseiras promocionais por ese mesma módica achega económica.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram