O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, anunciou esta mañá tras reunirse co noso Delegado FGB en Lugo, Alejandro Alcalde; que a sede dos encontros será o Polideportivo Municipal de Frigsa.
O Goberno lucense realizará un axuste horario do persoal para encargarse do correcto funcionamento da instalación na franxa en que se celebren partidos durante a fin de semana.
(info: Concello de Lugo) O Executivo de Lara Méndez, a través da concellería de Deportes que dirixe Jorge Bustos, pon a disposición da Federación Galega de Baloncesto o Polideportivo Municipal de Frigsa para acoller as competicións federadas de baloncesto tanto en canto duren os traballos de mellora do Anexo ao Pazo Universitario dos Deportes que está a executar a Deputación provincial.
Así o anunciou esta mañá o edil, tras manter un encontro co Delegado FGB en Lugo, Alejandro Alcalde; onde ambos aproveitaron para supervisar as pistas de xogo cedidas polo Concello. “Desde o Goberno local queremos garantir que as competicións das diferentes categorías do baloncesto galego que se celebran na nosa cidade poidan continuar con normalidade o tempo que duren os traballos de renovación da actual sede”, asegurou.
Esta iniciativa tómase tras a petición expresa da Delegación Lucense da FGB. “ Puxémonos a disposición do baloncesto lucense desde o primeiro momento e, froito deste ofrecemento, trasladáronos esta solicitude na que nos puxemos a traballar de inmediato. A previsión é que se celebren en Frigsa todas das xornadas ata o vindeiro 12 de novembro sen descartar que a cesión teña que prolongarse polas necesidades que xurdan na remodelación do Anexo”, sinalou o concelleiro.
Os partidos disputaranse os domingo en horario de tarde, desde as 17 horas ata as 21 horas. “Esta ampliación do calendario supón un axuste horario do persoal para pór a instalación a disposición da Delegación da Federación Galega de Baloncesto e os seus equipos de xeito que se poida desenvolver el calendario competitivo previsto”, concluíu Bustos.