As Fases Finais Mini e Premini FGB pechan a temporada con novos campións

C.B. Arxil e Salesianos COB en categoría Premini, e Seis do Nadal (feminino) e Estudiantes de Lugo (masculino), en Mini, proclamáronse este sábado en Compostela campións das Ligas FGB 2011 – 2012 tras unha xornada competitiva final que tivo como sedes o recén renovado Pavillón de Restollal e o Pavillón de Vite, escenario habitual destas Fases Finais das Ligas FGB dende fai cinco anos e, á súa vez, da liga zonal santiaguesa mini durante toda a temporada.

A FGB, coa colaboración do Concello de Santiago, dispuxo en ambas localizacións as eliminatorias que puxeron o broche de ambas as súas ligas de base, nas que se reuniron un total de 321 persoas chegadas de 24 equipos de toda Galicia, desprazadas ata Santiago en autobuses fretados pola Federación Galega de Baloncesto para a ocasión.

Nun ambiente deportivo e repleto dos valores competitivos propios dunha xornada decisiva de liga, os xogadores e xogadoras máis novos desfrutaron na pista do seus partidos e, fóra desta, da convivencia cos seus compañeiros de diferentes clubs, cos que puideron compartir tamén o xantar, ao que foron convidados pola FGB na cadea McDonald’s.

Os encontros definitorios foron os auténticos protagonistas da tarde, tempo no que a emoción por coñecer o nome dos campións repartíase e viaxaba entre Restollal e Vite, contando ambos os Pavillóns co apoio de numeroso público que puxo a cor desde as bancadas. Entre eles atopábanse o Presidente da FGB, Francisco Martín; acompañado do Subdirector Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Carlos Gómez; e do Presidente de Honra da FGB, Francisco García. Os tres presenciaron as finais Mini no Pavillón de Restollal para trasladarse posteriormente ao Pavillón de Vite e vivir en primeira persoa as finais premini, procedendo ao seu remate ao acto de entrega de trofeos aos Campións e Subcampións, así como a un recordo, cortesía de “la Caixa”, para todos os participantes nesta Fase Final das Ligas.

Como colaboradores da FGB nesta etapa final da Liga tomaron parte tamén do peche da xornada o Concelleiro de deportes de Santiago, Adrián Varela; e a responsable da cadea McDonald´s en Santiago de Compostela, Susana Vidal.

Nova cita no calendario
Co remate destas ligas FGB o plano competitivo deixa paso ao lúdico, terreo no que o Baloncesto de Base ten agora unha importante cita este próximo sábado, 9 de xuño, tamén en Compostela. Neste caso, e da man do Grupo Correo Gallego, coa colaboración da Federación, celebrarase o IX Día Autonómico do Minibasket, a festa por antonomasia do Baloncesto Galego mini e premini.

Fases Finais Ligas FGB Minibasket e Preminibasket – Clasificación Definitiva Completa

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram