(Info: Concello de Carballo) O Día do Pequebasket pechou a semana pasada o prazo de inscrición cubrindo todas as expectativas cun total de 48 equipos apuntados e coa organización desbordada pola demanda, xa que moitos clubs tiveron que quedar fóra. Arredor de 500 nenos e nenas de entre 5 e 8 anos ocuparán a Zona deportiva Bergantiños o 17 de maio, Día das Letras, nesta cita que o Presidente da Escola Basket Xiria, Diego Vázquez Reino, definiu na súa presentación como “unha festa do baloncesto” na que, desta volta, ademais de equipos galegos, tamén haberá representación asturiana.
Vázquez quixo subliñar que a iniciativa “é pioneira a nivel nacional e un apoio desde a base” para o baloncesto. Francisco Martín Micó, Presidente da Federación Galega de Baloncesto, tamén quixo salientar que o Pequebasket é a “primeira e única cita deste tipo que hai en España” e quixo agradecer a colaboración das nais e pais dos cativos na organización da iniciativa e no seu compromiso co baloncesto.
No acto de presentación, celebrado o pasdao 30 de abril; tamén estivo a Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Mariel Padín Fernández, que reiterou o apoio do organismo provincial “en todo o que sexa fomentar o deporte, nomeadamente o deporte base”. Pechou a presentación do Pequebasket o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que transmitiu os parabéns do Concello “á familia do Basket Xiria” por esta cita que axuda a transmitir os “valores deportivos”, con especial importancia en idades temperás, como “o sacrificio e o goce do deporte”.
Na cita, que tivo lugar na Biblioteca Rego da Balsa, tamén estiveron presentes o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o Vicepresidente da Federación Galega de Baloncesto, José Manuel Villamarín e os carballeses Ricardo Mendez (Tesoureiro da FGB) e Francisco Guillamet (Coordinador Arbitral FGB).
(Foto: Concello de Carballo)
Ao remate do acto, aberto a todo o público, actuou a compañía Elefante Elegante co contacontos “O aviador”, ao que asistiron numerosos nenos e nenas. A presentación tamén contou coa proxección dun vídeo resumo do Pequebasket de 2014, no que estivo presente o coñecido ex xogador de baloncesto Fernando Romay.
Diego Vázquez expresou o desexo da organización de que este ano a cita tamén conte cunha figura relevante no mundo do baloncesto en España. “Encantaríanos que fose Amaya Valdemoro para apoiar o baloncesto feminino”, manifestou Vázquez. En todo caso, Francisco Martín asegurou que contactarán coa Federación Española de baloncesto para que a cita conte cun persoeiro relevante deste deporte que supoña un aliciente máis para os nenos e nenas que se desplazarán a Carballo.