O Comité Galego de Árbitros está a reforzar o traballo que levan a cabo os seus representantes técnicos ao longo das sete Delegacións Zonais da FGB.
Dentro da planificación e programación das súas actividades, o organismo arbitral da FGB designa diferentes técnicos para apoiar coa súa presenza o traballo continuo de cada zonal ao longo dos meses, sendo Lugo, este mércores, 21 de novembro, o mellor exemplo desta práctica.
O propio Director Técnico do CGAB, Miguel Ángel Pérez, dirixiu na tarde do citado mércores unha charla – adestramento, levada a cabo no Anexo ao Pazo dos Deportes e gozando de notable participación.
Na mesma practicáronse e expuxéronse cuestións de mecánica arbitral que os presentes coñecían de antemán grazas ás vixentes circulares técnicas enviadas polo CGAB aos seus colexiados. A sesión, que se estendeu durante 75 minutos, contou tamén coa presenza e colaboración do coordinador Técnico do CGAB en Lugo, Juan B. Casal.