O Centro Penitenciario de A Lama, en colaboración coa área de adestradores da Federación Galega de Baloncesto, achega nestas vacacións a posibilidade de cooperar na súa Escola de Verán de Baloncesto.
No marco do seu traballo estival, o Centro Penintenciario ofrece a través desta escola diversas sesións das que abre as portas aos adestradores galegos que desexen colaborar e prestar o seu apoio para levalas a cabo. As indicadas aulas, destinadas a alumnos que se están a iniciar no baloncesto, moveranse en torno aos diferentes aspectos do noso deporte, comezando coa normativa e regras e afondando, posteriormente, nos diferentes conceptos do xogo partindo dos elementos básicos: Bote, Paso e Tiro.
A actividade, da que os interesados poderán solicitar información a través da Delegación en Arousa da FGB, levarase a cabo todos os sábados dende o 14 de xullo ata o 29 de setembro.
Validacións
Esta Escola de Verán preséntase ademais como unha nova oportunidade para os adestradores da nosa Comunidade de cara a realizar parte das súas horas prácticas correspondentes aos cursos de nivel 1 e nivel 2 da propia Federación Galega.
Así, e como un incentivo máis á participación nesta iniciativa e valorando a súa especial labor social, dende a área de adestradores da FGB outorgarase unha hora e media de formación por cada hora de asistencia a esta Escola. Igualmente, todos os participantes recibirán o diploma que acredite a realización das súas prácticas dentro da mesma.