Adestradores – Cursos de Nivel 1 e Nivel 2: datas e sede confirmadas

Complétanse os datos precisos para as Convocatorias oficiais dos Cursos de Nivel 1 e Nivel 2 da Federación Galega de Baloncesto nesta temporada 2013 – 2014.

Seguindo o tradicional reparto de ambos os chanzos formativos en dúas fases, non presencial e presencial, a Área Deportiva FGB confirma as datas concretas nas que se levará a cabo esta última etapa, a cal reúne nunha única sede galega a todos os alumnos.

Así, as datas escollidas para este propósito abranguen do 5 ao 9 de xullo de 2014 no caso do Nivel 1, e do mesmo día 5 ata o día 11 de xullo, ampliando para o segundo nivel as horas de carga lectiva.

Todos os participantes reuniranse pois nestas datas dando saída a unha fase presencial cuxo escenario está tamén asinado: será o do Colexio Manuel Peleteiro, en Santiago de Compostela.

As instalacións deste centro educativo da capital galega repiten como aliadas da Área de Adestradores FGB, consciente, esta última, da boa capacidade organizativa e espacial desta localización.

Proceso de Inscrición
Dados a coñecer xa os datos referentes a sedes e datas presencias, a Dirección Deportiva da FGB mantén aberta a posibilidade de recibir inscricións para ambos os Cursos, lembrando que é imprescindible a realización das dúas etapas, a non presencial, na que tomar contacto cos diferentes conceptos e materias; e a presencial, na que profundizalos xunto a un cadro de profesores de elevado nivel.

Os adestradores interesados en ampliar a súa traxectoria e sumar un grao máis á súa formación teñen xa AQUÍ a súa disposición  a documentación precisa para consultar os requisitos básicos e, posteriormente, acceder aos formularios oficiais de inscrición.

Igualmente, para máis información permanece aberta a nosa canle de comunicación vía mail en: adestradores@fegaba.com

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram