A FGB atópase inmersa de cheo estes días no Curso de Nivel 2 para Adestradores, encabezado este polo director da Área Deportiva FGB, Carlos Colinas, e que está a realizar a súa fase non presencial e a posterior presencial neste mes de decembro.
Esta edición do Curso Nivel II sirve como despedida e colofón a unha estrutura formativa que vai a dar un paso máis no vindeiro ano 2017. O propio Carlos Colinas explícanos e detalla en ampla conversa que presente vive e que futuro lle depara á formación para os técnicos FGB. A marca #adestradorgalego está máis viva que nunca.
– 95 alumnos na que é a última convocatoria tradicional dos Cursos de Adestradores de nivel 2. Continúa a boa acollida que xa ven de atrás. De novo, cal é o segredo?
Ademais da excelente resposta que significa esta cantidade de alumnos, creo que o máis valioso foi crear unha dinámica e ser capaces de mantela nos últimos anos. Non hai segredo, é unha responsabilidade compartida: unha federación que aposta polos seus futuros técnicos, uns profesores implicados de xeito total nesta actividade, e uns alumnos desexosos de mellorar a súa formación e aproveitar os medios ofrecidos. O reto é que as sinerxías creadas permitan seguir crecendo nun futuro á escola galega de adestradores.
– Escoitamos voces de fóra que din que a calidade do núcleo de profesores dos cursos FGB é moi alta. Son conscientes os alumnos deste punto?
Estamos seguros de que son conscientes. É un luxo percibir que os teus profesores, adestradores xa contrastados e cunha traxectoria, priorizan a súa participación nestes cursos, séntense parte necesaria do proceso e entréganse a el. A demanda que ademais os nosos cursos teñen en alumnos de fóra de Galicia, fainos pensar que isto supón un factor diferencial que outros lugares non poden ofrecer.
– Ante o reto que supón un Curso de Nivel 2 desta envergadura. Que características debe ter ou se agardan do alumnado?
Gran parte do alumnado iniciou e seguiu o proceso formativo a nivel de titulacións coa nosa federación. Iso failles ser coñecedores xa dunha metodoloxía e dunha esixencia, e á vez, estar plenamente comprometidos con esta formulación. Alégranos moito ver tanto alumno novo e outros moitos que sacrifican momentos de vacacións por participar nesta actividade.
O feito de que sexa o noso último curso federativo creo que lle outorga un matiz especial ao mesmo para todos nós, aínda que non buscamos unha nova fórmula máxica senón consolidar os parámetros polos que este camiño formativo converteuse en diferente.
– 2012 foi o ano da túa chegada á dirección deportiva FGB. Cumpriches os obxectivos da proxección formativa cos que partiu o teu proxecto?
Para nós o xogador é o protagonista do xogo pero o adestrador é o motor do baloncesto. Baixo esa premisa, noso reto en 2012 era poñer en valor a súa tarefa e a súa formación. E é o que intentamos nestes catro anos. Nunca nos trazamos obxectivos inalcanzables, senón responder ás necesidades que este núcleo podería ter e non perder de vista a realidade do noso baloncesto. Crecemos innovado, equivocámonos, rectificamos e sempre pretendemos dar sentido e ponderar a figura do adestrador. O técnico modélase e crece no seu día a día, na súa contorna. A Federación Galega simplemente é un apoio puntual que intenta remover conciencias neste colectivo pero que está obrigada a aportar cada día o seu grao de area.
– Puntos febles. Que faltou ata este intre para que a fórmula sexa redonda?
A realidade xeográfica de Galicia é a que é. Pero gustounos mellorar unha dispersión que permitise ao adestrador de Burela, de Verín ou de Corcubión ter idénticas facilidades aos máis próximos a núcleos de poboación importantes.
Isto figura no noso debe, e é prioritario converter á Area de Adestradores nunha realidade itinerante que chegue alí onde haxa un técnico con necesidades formativas. É fundamental poder detectar aquilo que debes mellorar e darlle solución.
Futuro
– Novo sistema. Xiro de 180 grados ao formato didáctico. Como se vai a acometer o mesmo?
Trala publicación do Real Decreto de novas titulacións (outubro 2015) atopámonos de cheo nos trámites que permitan á Federación impartir os cursos de adestradores pola vía académica. É un proceso lento pero estamos plenamente ilusionados en manter a calidade e o rigor acadados tamén nesta nova vía.
– Quen forman parte deste proceso?
Que o novo decreto permita a modalidade de ensino semipresencial, aumenta o atractivo deste proceso, fixando contidos e ferramentas educativas actualizadas. Neste camiño contamos coa inestimable colaboración do colexio Manuel Peleteiro, polo que sería un proxecto conxunto que ofreza ao adestrador galego os mellores medios prácticos. Agardamos que no ano 2017 podamos entrar xa de cheo nesta nova vía formativa.
– Reconfigura o novo formato os obxectivos da área de adestradores para os seus cursos?
Como todo o novo que arrinca, estamos expectantes. Pero A Área de Adestradores manterá uns principios irrenunciables se queremos que os nosos técnicos sigan formándose con rigor e sendo autoexigentes. Debemos ter a capacidade de adaptarnos aos tempos e atender todo tipo de necesidades. A formación dun técnico reflíctese na evolución dun xogador, na dirección dun grupo ou no traballo diario dun equipo. É unha responsabilidade moi grande porque ao final, o espello será o Baloncesto Galego.
– Unha das grandes novidades é a plataforma formativa on line FGB. Como axeitáchedes a formación presencial a este novo formato?
Parécenos un avance decisivo porque as posibilidades de ensino e a interacción cos alumnos multiplícanse. Sempre estamos limitados polo tempo dedicado aos nosos cursos na parte presencial. Dispoñer desta ferramenta, aumenta a capacidade de aprendizaxe e mellora as canles de comunicación aínda que sexa a distancia. Esta plataforma tamén a utilizamos no primeiro curso de nivel 0 desta tempada, e a valoración é excelente.