O Comité Galego de Árbitros abre a temporada 2020 - 2021 coa convocatoria do seu Clínic de Pretemporada. Esta actividade, xa tradicional, celebrarase alternativamente os vindeiros 29 e 30 de agosto e farao marcada pola realidade sanitaria, ofrecendo un formato diferente ao de anteriores anos.
Co obxectivo primordial de poder cumprir os protocolos sanitarios pertinentes, a edición 2020 do Clínic dividirase en tres localizacións diferentes e alternará contido online e parte presencial, sempre que a situación sanitaria e as directrices das institucións pertinentes o permitan nesas datas. Lugo (o 30 de agosto), Santiago e Vigo (o 29 de agosto en ambos os casos) son as tres sedes elixidas. Nelas repartiranse por proximidade xeográfica os 68 árbitros que integran os Grupos 1, Dispoñibles do Grupo 1 e Grupo Sub 23 do propio CGAB.