A Federación Galega de Baloncesto, ante a proximidade das festas do Nadal, promove por cuarto ano consecutivo a convocatoria do seu Certame de debuxo, especial para estas datas, e no que conta coa estreita colaboración de "la Caixa" e da Federación Española de Baloncesto.
Premiaranse os dous mellores traballos recibidos, destinando o primeiro deles a ser a imaxe da Federación Galega de Baloncesto na súa postal de Nadal.
A data límite para a entrega dos deseños e debuxos está marcada para o vindeiro 11 de decembro.
Co obxectivo de configurar o deseño da Postal que a FGB tradicionalmente envía durante o Nadal para felicitar a todos os clubs, institucións e afeccionados actívase a IV edición desta proposta creativa, que nesta ocasión ten un aliciente temático especial: a celebración do Mundial de Baloncesto 2014 en España.
Todos os xogadores e xogadoras galegas dende cadete ata Preminibasket poderán participar nesta actividade, enviando un debuxo e deseño persoal a través do que relacionen dúas temáticas: a vindeira celebración en España do MUNDIAL DE BALONCESTO 2014 e os mellores desexos deste NADAL 2013.
Premios - Agasallos
A Federación Galega de Baloncesto galardoará ao vencedor cun premio de material deportivo valorado en 100 euros, así como con dous agasallos especiais cortesía de “la Caixa” e Federación Española de Baloncesto.
O segundo clasificado recibirá, pola súa banda, un premio en material deportivo por valor de 60 euros, un exemplar do libro “50 anos de Baloncesto en Galicia” e un agasallo da Federación Española de Baloncesto.
Os detalles ao completo desta convocatoria, que permanece aberta dende homexe mesmo, poden consultarse nas bases oficiais que se achegan.