Escola Basket Xiria abre o prazo de inscrición para a sexta edición do DIA DO PEQUEBASKET, evento que, un ano máis, conta coa colaboración directa da Federación Galega de Baloncesto. A organización espera reunir o vindeiro 17 de maio en Carballo a máis de 600 nenas e nenos de 5 a 8 anos de idade, que gozarán xunto ás súas familias dunha xornada de deporte, cultura, xogos e, sobre todo, diversión.
Para seguir ao día de toda a información dispoñible sobre o evento permanece xa activa a páxina web: www.diapequebasket.es.
Ao mesmo tempo que seguen a chegar solicitudes de información de novos clubes que nunca participaron, o equipo organizador do DIA DO PEQUEBASKET avanza na programación dos distintos apartados da actividade, que ten un marcado carácter familiar e que supón, ao mesmo tempo, unha homenaxe do baloncesto carballés ao Día das Letras Galegas.
O prazo de inscrición rematará o vindeiro día 4 de maio e as solicitudes tramítanse a través da Federación Galega de Baloncesto, no enderezo electrónico: galicia2018@fegaba.com e mediante o envío da correspondente solicitude de inscrición que achegamos xunto a esta información.
Nesta sexta edición, que supón todo un grande esforzo a nivel organizativo e un novo reto, haberá novidades respecto ás actividades lúdicas, nas que xa se está a traballar por parte de Escola Basket Xiria, entidade que agradece a implicación do Concello de Carballo e Carballo Deporte, da Deputación Provincial da Coruña e da Federación Galega de Baloncesto, así coma de todos os patrocinadores do Club e dos colaboradores pola boa acollida que dispensan ao DIA DO PEQUEBASKET.