Aberta a convocatoria dos cursos de adestradores de Nivel I e Nivel II

A Federación Galega de Baloncesto, a través da súa Escola Galega de Adestradores, abre no día de hoxe a convocatoria que atinxe aos seus Cursos de formación de Adestradores 2012 nos niveis I e II.

Chanzo imprescindible na traxectoria dos adestradores que desexan ampliar as súas capacidades nesta área, os Cursos de Nivel I e II da FGB póñense en marcha neste 2012 coa habitual carga lectiva, distribuída en dúas fases: non presencial e in situ.

Maio será o mes de saída para ambos os Cursos, sendo o día 2 deste mes a data escollida para dar o pistoletazo de saída á fase non presencial, traballando previamente en todos aqueles conceptos que collerán forza no mes de xuño, co inicio da fase presencial.

Entre o 25 de xuño e o 1 de xullo no caso do nivel II, e entre o 27 de xuño e o 1 de xullo no nivel I, concentraranse en Santiago de Compostela o total dos alumnos inscritos nesta temporada. Alí, e comandados polo director dos cursos, Yago Casal Mera; e un solvente cadro de profesores, recibirán unha completa e intensa formación.

Esta nova temporada chega precedida dunha satisfactoria colleita na edición do pasado ano 2011. Un récord de participación no nivel I (49 alumnos) e un total de 30 persoas que deron vida á formación no nivel II, son o mellor dos exemplos de que paga a pena aproveitar unha oportunidade como esta. Así mesmo, o debate, o intercambio de experiencias e coñecementos e a enriquecedora convivencia que emana dunha actividade deste tipo, non deixa a ninguén indiferente

Documentación e Información
Nos documentos que se achegan atópanse todos os requisitos e esixencias a ter en conta á hora de decidirse e tramitar a inscrición nos Cursos. É importante a consulta dos mesmos para non perder detalle das características que configuran esta etapa formativa. Así mesmo, xunto a eles, están xa dispoñibles os formularios de inscrición para cada nivel. Todo este bloque de documentación queda á súa vez aloxado no apartado FORMACIÓN desta web.

Para consultar calquera dúbida que xurda en relación a este proceso, existen dúas direccións de correo ás que dirixirxe: adestradores@fegaba.com e dircursos@fegaba.com

Curso Nivel I: Convocatoria.
Curso Nivel II: Convocatoria.
Curso Nivel I: formulario de inscrición.
Curso Nivel II: formulario de inscrición.
Bolsas de axuda á inscrición: requisitos para a súa solicitude.
Bolsas de axuda á inscrición: formulario de solicitude.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram