– A Fase Final da competición celebrarase esta fin de semana no Pavillón Municipal de Santa Isabel, con entrada libre e baixo a organización de FEDESA Rosalía.
– As semifinais terán lugar o venres, 29 de setembro; ás 18:00 h e 20:30 h. A Final na mañá (12:00) do domingo, un de outubro.
– Baxi Ferrol, Durán Maquinaria Ensino e Celta Zorka Recalvi, xa clasificados pola súa condición de equipos de Liga Feminina Endesa; agardan coñecer ao cuarto equipo en liza nesta Copa.
A XXXVI edición da Copa Galicia Sénior Feminina viviu esta mañá no Concello de Santiago a presentación da súa Fase Final, que se celebrará en Compostela esta fin de semana. Baxi Ferrol, Durán Maquinaria Ensino, Celta Zorka Baloncesto e un cuarto equipo aínda por clasificarse son os seus protagonistas.
Na posta de longo desta XXXVI edición participaron a concelleira de Deportes do Concello de Santiago, Pilar Lueiro; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez; A subdirectora xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte, Belia Méndez; e o secretario de FEDESA Rosalía, Kiko Montero. Estiveron tamén presentes o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; o ex director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda; e a Vicepresidenta FGB, Susana García.
A Concelleira Pilar Lueiro foi a encargada de abrir o acto remarcando a aposta do Concello “unha vez máis polo Deporte Feminino, neste caso cun evento de altura”. Agradeceu a boa disposición da Federación Galega de Baloncesto para que a Copa Galicia se celebre en Compostela e recoñeceu “especialmente a perseveranza de FEDESA na promoción e fomento do Deporte Feminino”. Nesta mesma liña, convidou “a toda a cidadanía a gozar do espectáculo”.
Na súa intervención, Julio Bernárdez; sumouse ao recoñecemento a FEDESA pola súa capacidade organizativa e promoción do baloncesto feminino. Así mesmo, destacou á cidade de Santiago como o “escenario perfecto para un evento que chega nun intre moi especial para Galicia, contando con tres equipos na máxima categoría nacional”.
O Presidente da FGB subliñou tamén o momento “tremendamente importante” que está a vivir o Baloncesto, “pioneiro en canto á integración da categoría feminina nas estruturas deportivas”. Neste senso, Bernárdez remarcou que para a Federación Galega o Baloncesto “nin é feminino ni masculino, é Baloncesto”.
Belia Méndez, pola súa parte, agradeceu ao Concello de Santiago por acoller o evento, e a FEDESA e FGB pola implicación total. “E moi relevante resaltar que se trata da XXXVI edición da Copa Galicia, o que supón que cada ano o nivel deportivo da Federación e do deporte feminino vai aumentando, afirmou.
Kiko Montero pechou o acto animando á afección a “encher Santa Isabel”. “É o momento de valorar e promocionar o Baloncesto Feminino e apoiar ás xogadoras. Temos que seguir sendo un exemplo e lanzadeira para toda a sociedade. E eventos como esta Copa Galicia son moi importantes para logralo”, concluíu.
A competición
A Copa Galicia arrincará no pavillón municipal de Santa Isabel o venres 29 de setembro coa disputa das semifinais. A primeira delas enfrontará ás 18:00 h a Durán Maquinaria Ensino co equipo de Liga Feminina 2 que se clasifique para este propósito na Fase Previa. O mesmo sairá do duelo definitivo que enfrontará este martes, 26 de setembro (21:00 h) a Maristas Coruña e Mariscos Antón Cortegada.
A segunda semifinal (20:30 h) protagonizarana Baxi Ferrol e Celta Zorka Recalvi. O domingo,1 de outubro; chegará a quenda da final, ás 12:00 h.