
A XXX Copa Galicia “Ourense Provincia Termal” celebra este sábado en Ourense unha cita moi especial. Como aperitivo á final oficial, que se celebrará no Pazo dos Deportes Paco Paz ás 20:00 h (TVG), ese mesmo escenario acollerá un encontro amigable (17:30 h) entre dúas Seleccións Galegas de Veteranos.
Configurado este partido como unha homenaxe aos trinta anos de historia de Copa Galicia, así como a todo o Baloncesto Galego, un notable grupo de xogadores veteranos que todos coñecemos reuniranse nesta ocasión e, entre anécdotas e lembranzas, vestirán a camisola da Selección Galega divididos en dúas zonas, Norte e Sur.
Trátase dunha convocatoria moi especial na que tamén estarán presentes Juan Freán e José Luis Estévez Camiña, os dous colexiados que dirixiron a primeira final da historia da Copa Galicia en xaneiro do ano 1987.
A saída á pista de todos os convocados, cuxos nomes podes consultar no documento que se achega, producirase ás 17:30 h deste sábado e o acceso a este encontro para o público xeral estará xa incluído na entrada individual da XXX Copa Galicia “Ourense Provincia Termal” para a xornada do sábado ou no abono adquirido para as dúas xornadas, semifinais e final.
Agradecemento
A Federación Galega de Baloncesto desexa agradecer a todos os integrantes de ambas as Seleccións o seu esforzo por comparecer nesta cita. Así mesmo, fai extensivo este agradecemento a todos aqueles xogadores e adestradores que, tamén convocados, non poderán compartir con todos nós esta xuntanza en Ourense. A todos, gracias!!