A XXVIII Copa Galicia Sénior Masculina desvela os detalles da súa Fase Final

– A Fase Final da XXVIII edición desta Copa reunirá no Multiusos Fontes do Sar, os días 21 e 22 de setembro, a Río Natura Monbus, C.B. Breogán, Básquet Coruña e Club Ourense Baloncesto.

– Os catro equipos veranse as caras baixo un formato de competición de semifinais e final, que, neste caso, organiza a Federación Galega de Baloncesto coa colaboración do Obradoiro CAB.

Federación Galega de Baloncesto e Obradoiro CAB presentaron este mércores, 18 de setembro, a Fase Final da XXVIII Copa Galicia Sénior Masculina, a cita baloncestística por excelencia da pretemporada galega, que nesta edición organizan de xeito conxunto ambas as dúas institucións.

A FGB e o club da capital galega estiveron representados nesta posta de longo polo presidente federativo, Francisco Martín; e polo directivo do equipo compostelán, Jose Ramón García. Xunto a eles, e amosando o seu total apoio ao Baloncesto Galego e a esta convocatoria deportiva tan especial, estivo o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa.

O máximo mandatario FGB, Francisco Martín, concretou os detalles da XXVIII edición da Copa Galicia, agradecendo a Obradoiro CAB e á Secretaría Xeral o seu compromiso co deporte da Canastra e coa Copa de todos os galegos, cuxos partidos, desta volta, terán lugar en Santiago de Compostela, os vindeiros 21 e 22 de setembro.

O escenario para o xogo será o Multiusos Fontes do Sar, disputándose o sábado as dúas semifinais, e a gran final na xornada dominical do 22. Rio Natura Monbus e Club Ourense Baloncesto, protagonizarán a primeira das semifinais ás 18.00 horas. Vivíndose a continuación (20.00 h), da man de Básquet Coruña e C.B. Breogán a segunda. Finalmente, na xornada do domingo 22 (12.30 h), dilucidarase o campión entre os vencedores de ambas as semifinais.

O Palmarés da Copa Galicia agarda así sumar un novo nome a unha lista que, entre os actuais contendentes, encabeza C.B. Breogán con once títulos, seguido de Club Ourense Baloncesto con sete, e Obradoiro CAB con tres, conseguidos estes últimos de xeito consecutivo nas últimas edicións.

Venda de entradas e bonos
As entradas para a fase final están dispoñibles tanto nas oficinas do Obradoiro CAB como a través da páxina web (www.obradoirocab.com) e teñen un prezo de 10 euros por xornada (semifinais ou final) e 15 euros o abono para ambas, este último só dispoñible na oficinas do club.

Os federados con licenza na temporada 2012-2013, menores de 18 anos, estudantes menores de 25 anos, parados de longa duración, minusválidos e maiores de 65 anos poderán adquirir as súas entradas a un prezo de 8 euros por xornada (semifinal e final) e 12 euros o abono para toda a fase final.

Lucas Mondelo, clínic para adestradores
O torneo complétase nesta edición cun programa de actividades técnicas paralelas, que se celebrará na pista auxiliar do Multiusos, no que está prevista unha primeira intervención, o sábado ás 16.00 h, do Director Técnico do Comité Galego de Árbitros, Miguel Angel Pérez Pérez; sobre “O criterio arbitral en competicións FGB”.

Para rematar, o domingo a partires das 10.00h., Lucas Mondelo, adestrador da Selección Española Sénior Feminina, recente campioa de Europa, dirixirá un clínic para adestradores, baixo o título “como penalizar o scouting: alternativas e detalles no xogo ofensivo”.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram