A unión do 3×3 co Minibasket, protagonista de novo grazas ao Universitario Ferrol

A Fundación Universitario Ferrol, o Patronato Municipal de Deportes e a FGB, a través da súa Delegación en Ferrol, colaboran e trasladan o seu apoio a esta iniciativa.

O Universitario Ferrol alíase unha vez máis co “3×3”. Da man do seu tradicional “Torneo de Semana Santa Minibasket” promove unha nova oportunidade de trasladar este formato competitivo ás categorías base do baloncesto de Ferrolterra.

O club departamental presenta así a 24 edición desta cita, na que reuniráa un total de 32 equipos (minis ou preminis). Marcados en vermello no calendario os días 3 e 4 de abril, habilitados xa para levar a cabo esta competición.

O Polideportivo de Esteiro será a sede de xogo e operacións, acollendo cada día os partidos do Torneo a partir das 10.30 h. A duración de cada un será de dez minutos, posibilitando a disputa de tres, como mínimo, en cada xornada. As categorías de xogo serán catro, establecidas segundo a idade dos participantes, os cales teñen ata o vindeiro 30 de marzo para tramitar a súa inscrición. Un proceso, este último, ben sinxelo.

Os equipos serán admitidos por rigorosa orde de recepción da documentación. A entrega pode facerse efectiva en persoa ou por mail a través do propio club (uni.ferrol@terra.es) ou na delegación zonal da FGB en Ferrol (delegacionferrol@fegaba.com).

Unha vez completada a indicada cifra de 32 equipos, o “Torneo de Semana Santa Minibasket 3×3” pechará o seu proceso de inscrición, con todo listo para que o balón comece a botar sobre a pista.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram