A Federación Galega de Baloncesto, representada pola súa Selección Galega Cadete Feminina, viviu na tarde deste domingo, 12 de abril, un dos intres máis especiais da temporada 2014 – 2015.
Repetindo o detalle que xa tivera para coa FGB o pasado ano, o Obradoiro CAB abriu as portas da súa casa, o Multiusos Fontes do Sar, para, no marco do “Partido do Federado” ante Bilbao Basket, render homenaxe á Selección Galega Cadete Feminina, combinado autonómico mellor clasificado (5º posto) nos presentes Campionatos de España 2015.
O recoñecemento á Selección, marcado polo cariño e aplausos de toda a afección do Río Natura Monbus, veu tamén acompañada do particular agradecemento público que a propia Federación Galega lle quixo mostrar a “La Rosaleda”.
O Policlíno compostelán, representado polo seu xerente, Rafael Silva, recibiu de mans do Vicepresidente FGB, Alberte Zato; un recordo en forma de medalla, merecida en virtude do gran apoio da entidade ás nosas Seleccións durante esta etapa.
Por parte de Obradoiro CAB, tamén implicado activamente no deporte base e vinculado a “La Rosaleda”, participou no acto Argimiro Fernández, membro da directiva do club.
Tanto Rafael Silva, como Alberte Zato e o propio Argimiro posaron en pista coas xogadoras e corpo técnico da Selección, a cal tivo tamén o seu particular agasallo por parte do Obradoiro CAB, un balón customizado que servirá de recordo desta data.