A Selección Española Feminina U18 escolle Lugo para preparar o Campionato Europeo de Rumanía 2012

– As xogadoras convocadas polo galego Miguel Méndez, seleccionador deste bloque U18 feminino, fraguan en Lugo a súa próxima presenza nesta cita continental.

– Un Torneo Amigable que as porá en xogo ante Eslovenia e Rusia será a cita clave da súa concentración en terras lucenses. 

A Selección Española Feminina U18 prepara estes días en Lugo, a cargo do técnico galego Miguel Méndez, a súa futura participación no Campionato Europeo da categoría, a celebrar en Bucarest (Rumanía) do 26 de xullo ao cinco de agosto.

As internacionais españolas traballan actualmente na capital lucense, aloxadas na Residencia Abeiro e empregando as instalacións do Pazo dos Deportes como a súa sede de operacións. E precisamente, a pista principal do Pazo será o escenario perfecto para un Torneo amigable de carácter internacional que enfrontará ás de Méndez cos combinados de Eslovenia e Rusia.

Os afeccionados lucenses poderán gozar, de balde, os próximos días 13, 14 e 15 de xullo desta competición, que recollerá un total de tres encontros baixo a seguinte orde e plan horario:

13 de xullo: Eslovenia – Rusia (19.00 h)

14 de xullo: España – Eslovenia (19.00 h)

15 de xullo: España – Rusia (12.00 h)

A Federación Galega de Baloncesto, a través da súa Delegación en Lugo, está centrando a súa atención en todos os detalles organizativos previos a este Torneo. A súa intención: que a Selección Feminina U18 síntase como en casa e poida despregar o seu xogo nas mellores condicións posibles. Para este propósito a FGB conta coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo e do Concello de Lugo.

De feito, e como testemuña do apoio lucense á Selección U18, a Delegada da FGB nesta zona, Patricia Rico; así como a Coordinadora Deportiva da Delegación, Julia Pena; e o Xefe do Servizo Provincial de Deportes, José Manuel Rozas; visitaron ao equipo de Miguel Méndez e trasladáronlle os seus desexos de que o seu traballo decorra polo mellor dos camiños durante a súa estancia en Galicia

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram