A Secretaría Xeral para o Deporte recoñece ás Seleccións Galegas Cadetes

A Secretaría Xeral para o Deporte, da man do seu máximo representante, o Secretario Xeral, Xosé Ramón Lete; brindou este martes un recoñecemento ás Seleccións Galegas Cadetes 2015, recentes participantes do Campionato de España de Seleccións Autonómicas desta categoría, celebrado en Valladolid do tres ao seis de xaneiro de 2015.

Unha ampla representación de xogadores e xogadoras de ambos os combinados autonómicos compareceron en Santiago de Compostela e recibiron os parabéns polo seu papel na competición nacional (5º posto en feminino e 9º en masculino) por parte do propio Secretario Xeral e a Subdirectora Xeral de Plans e Programas, Laura Mosquera.

O Secretario Xeral amosouse entusiasmado co compromiso de nenos, nenas e os seus familiares de cara á práctica do Baloncesto, un deporte que, como recoñeceu, outorga numerosas boas novas a todos os galegos.

O máximo responsable do Deporte Autonómico aproveitou tamén esta ocasión tan especial para trasladar a súa noraboa á FGB polo seu traballo constante, reflectido no seu alto número de licencias; así como pola renovación na súa presidencia de Francisco Martín.

IMG 7806

Representando á Federación Galega de Baloncesto e recollendo estas gratas palabras estivo o seu directivo e Coordinador Autonómico Arbitral, Francisco Guillamet; quen tamén reflectiu encarecidamente o esforzo dos familiares e o apoio da propia Xunta de Galicia ao baloncesto base.

O detalle: seis campionatos para Paula Valiño
A recepción do departamento de Deportes da Xunta de Galicia ás Seleccións Galegas Cadetes pecha un ciclo de seis temporadas nas que unha notable xeración de xogadores e xogadoras defendeu os intereses deportivos de Galicia coa máxima adicación.

Entre elas, e como apunte especial nesta despedida, cabe salientar a traxectoria da ourensá Paula Valiño, quen tras a súa participación en Valladolid 2015 súmase ao grupo de xogadoras que contan no seu haber con ter representado a Galicia nun Campionato de España de Seleccións durante seis anos consecutivos e nas tres categorías existentes (minibasket, infantil e cadete). No seu caso, ademais, este rexistro complétase coa medalla de bronce colleitada na temporada 2013 – 2014 en categoría cadete da man de Cristina Cantero.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram