A “Plataforma de Mellora do Adestrador Galego” coñece xa os seus integrantes

A Federación Galega de Baloncesto, a través da súa Área de Adestradores, e tras aplicar o prazo establecido para a recepción de solicitudes e a posterior análise das mesmas, comunica o nome e a referencia dos 16 adestradores, oito homes e oito mulleres, que a partir de este mes de abril, e ata xuño de 2015, integrarán a “Plataforma de Mellora do Adestrador Galego”.

Este novidoso proxecto, que busca ofrecer un escenario formativo e de seguimento continuo para un grupo pechado de adestradores, presenta xa a súa composición, na cal se dan cita adestradores chegados das catro provincias galegas, todos menores de 30 anos e cuxos datos poden consultarse xa no documento que se achega.

A partir deste intre os 16 escollidos para ser testemuña da estrea e funcionamento desta primeira etapa da “Plataforma de Mellora do Adestrador Galego” comezan xa a ser titorizados e guiados por catro adestradores pertencentes ao cadro de docentes FGB.

Baixo un contacto continuo con eles, tanto de xeito “on line” como presencial, os 16 participantes levarán a cabo un proceso de cremento profesional que, sempre na busca da súa evolución positiva como técnicos, será avaliado pola Área Deportiva FGB.

A “Plataforma de Mellora do Adestrador Galego” estará pois moi presente a partir de agora nas diferentes actividades, campionatos ou convocatorias didácticas que se poñan en marcha dende a FGB. De seguro, poderemos dar conta do seu rendemento e da súa intención de dignificar a labor do adestrador como tal, dotando aos seus membros dunha mentalidade axeitada ao campo no que actualmente se moven.

“Plataforma de Mellora do Adestrador Galego” : integrantes

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram