A Liga FGB de Veteranas, un “proxecto ilusionante” na recta final das inscricións

Este venres, 20 de outubro; finaliza oficialmente o prazo de inscrición que a Federación Galega de Baloncesto mantén aberto para a pioneira Liga de Veteranas que dará comezo esta temporada 2023 – 2024.

Cun formato de xogo baixo concentración bimensual, e co debut marcado para o mes de novembro; este proxecto crece entre a ilusión e as gañas de marcar un camiño, da man da propia FGB e de todas as veteranas e equipos comprometidos con este reto.

Precisamente, nestas datas previas ao inicio da aventura, medimos o pulso das verdadeiras protagonistas, as deportistas. Fixémolo da man de Chus Seoane, ex xogadora do CB Cluny en Santiago e actual integrante das “Golden CAB”, que agrupa a xogadoras de diferentes equipos da historia de Compostela.

Unha lección de vida

Esta nova Liga oficial FGB “é un aliciente”. “Ofrécenos cobertura de organización, de seguro e arbitral” para continuar desfrutando “dun deporte que nos namora”.

Máis alá dos condicionamentos estritamente deportivos e físicos, Chus ten clara a motivación que supón dar este salto á competición oficial: “é unha lección de vida para as nosas fillas, un exemplo de superación”.

Os valores do Baloncesto e a clara intención de non poñerse “límites nin trabas” son o motor deste proxecto “totalmente ilusionante” que emprenden da man da FGB.

O obxectivo, remarca Chus, é “compartir” con antigas rivais e compañeiras unha paixón que está ben latente.

Inscrición

Sumándonos á esta mensaxe de Chus, animamos a todos os equipos aínda en trámites a completar os mesmos antes deste venres, día 20. Permanecendo a súa disposición ante dúbidas e consultas.

Toda a información permanece dispoñible vía Circular Nº15 FGB. 

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram