A interacción Adestrador – Árbitro, a análise este venres en Ferrol

Unha nova actividade formativa da Federación Galega de Baloncesto recala en Ferrol este venres, 12 de outubro. Como aperitivo á primeira das Semifinais da XX Copa Galicia Sénior Feminina, dende a entidade federativa ofrécese a posibilidade de participar dunha charla teórico práctica protagonizada polo colexiado internacional FIBA e Director Técnico do Comité Galego de Árbitros, Miguel Ángel Pérez Pérez; e polo actual responsable da área deportiva FGB, Carlos Colinas.

Ás 16.00 h do venres, e baixo o título “Interacción Adestrador – Árbitro: Limpiar o Xogo”, Miguel Ángel e Carlos Colinas, responsables das áreas arbitral e deportiva da FGB, respectivamente; achegarán a súa persoal visión da imprescindible relación entre adestradores e árbitros.

Nas súas intervencións abordarán aspectos de dirección de partido que afectan, mutuamente, tanto a colexiados como a técnicos. A construción do xogo en competición será tema principal no que afondarán, acompañados de material audiovisual e ofrecendo aos participantes a posibilidade de abrir debate.

A experiencia de ambos en competicións de elite internacional, así como o seu traballo diario coas novas xeracións galegas tanto de colexiados como de adestradores e xogadores, actuarán tamén como perfecto contexto a partir do que ofrecer conclusións.

Localización e inscricións
A charla celebrarase nas instalacións da Asociación Sociocultural de Minusválidos (Rúa Fernando VI, 18 – 19), situada en fronte do Pavillón de Esteiro, epicentro deportivo da fin de semana copeira.

Os interesados en formar parte da mesma deberán tramitar a súa presenza, antes do propio venres, a través do envío dun correo electrónico a adestradores@fegaba.com, indicando nome e DNI.

Validación Formativa
Como ven sendo habitual neste tipo de actividades formativas, a Área de Adestradores da FGB outorgará horas prácticas aos adestradores que participen na charla e que actualmente formen parte dos cursos de Nivel 1 e Nivel 2. Neste caso serán 3 as horas que se contabilizarán.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram