A “Incidencia das Regras de Xogo no Baloncesto de Formación”, a debate

– As áreas deportiva e arbitral da FGB activan unha mesa redonda baixo esta temática, a celebrar dentro dos actos paralelos ao XV Campionato de España de Clubs Cadetes, competición que terá lugar en Ferrol desde este domingo, 26 de maio, e ata o próximo 1 de xuño.

– A actividade en cuestión terá lugar o 29 de maio, no salón de actos do Campus Universitario Ferrolano a partir das 16.00 h.

A Federación Galega de Baloncesto, xunto a Ferrol C.B., e en colaboración coa Federación Española de Baloncesto, propón unha nova plataforma puntual de debate, na que, grazas á presenza de destacados profesionais do Baloncesto, revisaranse conceptos arbitrais e técnicos, todo enmarcado dentro da celebración en Ferrol do XV Campionato de España de Clubs Cadetes.

A temática a tratar será a “Incidencia das Regras de Xogo no Baloncesto de Formación”, un ámbito dentro do que se englobarán conceptos como o avance ilegal, uso do corpo sen balón, debate sobre as regras específicas e outras propostas de análise. A cita será este próximo mércores, 29 de maio, no salón de actos do Campus Universitario de Ferrol (16.00 h).

A calidade desta mesa redonda virá avalada pola experiencia dos seus participantes, aportando todos diferentes puntos de vista desde a súa traxectoria no mundo da canastra. Contarase para iso co ex seleccionador nacional feminino e actual membro do gabinete técnico FEB, José Ignacio Hernández; o responsable arbitral FEB e integrante da Comisión Técnica FIBA, Víctor Mas; o ex xogador internacional Manuel Aller; e o xornalista Francisco Torres, ex director de Gigantes del Basket.

Xunto a eles, e achegando a visión federativa, participarán tamén o máximo mandatario FGB, Francisco Martín; e os responsables das áreas arbitral e deportiva FGB, Miguel Ángel Pérez e Carlos Colinas, respectivamente. Estes últimos contribuíndo tamén desde o seu papel de árbitro internacional o primeiro e adestrador do máximo nivel o segundo.

Participación
O Foro será de carácter completamente aberto, convidando, desde a FGB, a participar a todos aqueles xogadores, adestradores e, por suposto, árbitros que desexen tomar parte deste intercambio de proposicións teóricas.

Así mesmo, aqueles adestradores que vaian a tomar parte do evento e á súa vez se atopen inmersos na realización das súas horas de formación correspondentes aos cursos de Iniciación, Nivel 1 e Nivel 2 FGB terán a oportunidade de engadir tres horas á súa ficha persoal de prácticas. Para isto deberán comunicar a súa asistencia a través de adestradores@fegaba.com

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram