A “Harmonización” repite éxito na súa segunda edición

O Minibasket Galego celebrou este domingo 23 en Ourense (Colexio Salesianos) unha nova cita para o recordo. Co obxectivo de reunir aos activos desta categoría e, entre todos, afondar sobre os seus puntos fortes e débiles, tivo lugar a “II Xornada de Harmonización do Minibasket Galego”, unha convocatoria que amosou, de novo, o moito que os nosos xogadores e técnicos poden aportar.

“II Xornada de Harmonización do Minibasket Galego”: galería de imaxes

Baixo un completo programa que camiñou polas diferentes perspectivas que esta categoría nos ofrece, a xornada regalounos tempo para os adestramentos, para o traballo de tecnificación e, sobre todo, para a reflexión e o debate.

A atención, na pista
No primeiro ámbito, no estritamente deportivo, as preseleccións galegas de minibasket foron os actores máis madrugadores. Ambos combinados exercitáronse en horario de mañá e tarde e abriron o seu traballo aos atentos ollos dos adestradores e pais alí presentes.
Os nosos equipos, que están a entrar de cheo na recta final da súa preparación de cara ao Campionato de España, adestraron de xeito intenso e agasallaron con bos momentos de xogo ao público que se reuniu nas pistas do colexio Salesianos.

O pavillón do Centro Educativo serviu tamén de escenario para a celebración de tres Centros de Tecnificación Autonómicos, nos que se concentraron máis dun cento de xogadores nados nos anos 2003, 2004 e 2005. Xunto a eles, e achegando o mellor de si, fixéronse responsables de cada grupo unha serie de adestradores referente chegados de toda Galicia.

DSC04426

Baloncesto: ferramenta educativa e de socialización
A Área Deportiva da FGB quixo facer partícipes tamén desta “II Xornada de Harmonización” aos pais e responsables directos dos xogadores, os cales responderon a este chamamento e encheron o salón de actos do Colexio Salesianos para reflexionar sobre o seu papel respecto á faceta deportiva dos seus fillos.

Esta tarefa de análise e autocrítica realizárona da man de cinco guías de luxo, comandados por Rubén Domínguez, psicólogo e adestrador de A.D. Cortegada en Liga Feminina 2; Fernando Romay e Conchi Delgado, ambos na faceta de ex xogadores e país; Miguel Ángel Pérez Pérez, Director Técnico do Comité Galego de Árbitros e colexiado internacional FIBA; e Leticia Fernández, actual responsable da Área de Saúde da FGB.

A importancia do Baloncesto como ferramenta educativa e de socialización na vida dun rapaz, así como o factor clave do papel dos pais na súa evolución deportiva e humana constituíron o punto de partida dunha animada conversa que tamén tocou aspectos vitais como a saúde e alimentación do deportista e o respecto á competición, aos rivais e ao papel do árbitro.

DSC04355

Debate teórica e aprendizaxe
Os adestradores participantes desfrutaron en horario de tarde da súa parcela propia dentro desta “II Xornada de Harmonización do Minibasket Galego”, a cal os citou para ser axentes con opinión propia nunha mesa redonda que estivo moderada por tres técnicos recoñecidos por todos: Carlos Maceiras, Gonzalo Rodríguez e o propio Responsable Deportivo FGB, Carlos Colinas. Así mesmo, o Presidente da FGB, Francisco Martín; presente en Ourense durante toda a Xornada, non quixo tampouco perder detalle deste punto do programa. 

Os encargados de iniciar este foro abriron a rolda de intervencións apelando a temas como o Uso dos espacios no Minibasket ou os diferentes xeitos de entender o Baloncesto de cara á formación dos rapaces e rapazas máis novos.

O interese e participación de todos, desde os adestradores noveles ata os máis experimentados, serviu para ampliar a discusión a novas temáticas ademais das xa propostas e para referendar que o noso baloncesto base e os seus modelos ofrecen múltiples posibilidades de facelo crecer entre todos.

Formación Práctica
O broche final para esta “II Xornada de Harmonización do Minibasket Galego” rubricouse cunha nova convocatoria didáctica da “Aula Formativa do Adestrador Galego”, sesión na que se aproveitou de novo a experiencia de Gonzalo Rodríguez Palmeiro. Todos os adestradores presentes analizaron xunto ao técnico axudante de Rio Natura Monbus a figura do Tiro dende as súas ópticas de “ampliar e rentabilizar espazos”.

A “II Xornada de Harmonización do Minibasket Galegou” pechou así o seu telón entre un ambiente de satisfacción polo excepcional ambiente creado entre todos os presentes, tanto xogadores, como adestradores e pais; así como polos resultados deportivos e conclusións extraidas.

DSC04796

Colaboración e Compromiso
No capítulo de agradecementos, recoñecer unha vez máis o compromiso amosado polos clubs galegos, os seus técnicos presentes, o persoal deportivo FGB, e por suposto polos xogadores, xogadoras e os seus respectivos país e titores.

Así mesmo, salientar a total disposición do Colexio Salesianos para que todo saíse a pedir de boca nas súas instalacións, as cales resultaron peza estratéxica para o correcto devir de toda a xornada.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram