A Delegación FGB en Ourense volve ás pistas coa fórmula “3×3”, iniciativa principal desta zonal para a categoría preminibasket na actual temporada 2011 – 2012.
EDO, Carmelitas, Pabellón Ourense, Padre Feijoo e o C.B.Maceda serán de novo os clubs protagonistas dunha competición que eles mesmos iniciaron o pasado mes de xaneiro e que este sábado, 21 de abril, suma a súa terceira xornada. A penúltima do calendario e a primeira que se celebra fóra de Ourense cidade.
Desta volta, será o Pavillón Municipal do Concello de Maceda a sede dun total de 42 partidos, encontros que, sen dúbida, volven a acender a mecha do atractivo formato 3×3 na provincia de Ourense.
Tras dúas primeiras xornadas nas que a satisfacción foi a nota predominante entre todos os equipos participantes, dende a Delegación confíase en repetir e celebrar esta terceira cubrindo as expectativas marcadas.
A deste sábado será a xornada previa á clausura da “fórmula 3×3” en Ourense, final que adiantamos que terá lugar no vindeiro mes de maio e que será o colofón a esta aposta inicial da FGB polo 3×3. Un punto e seguido, xa que novas competicións destas características están programadas para un futuro próximo.