Ourense despediu este sábado a súa competición premini “3×3” 2011 – 2012. A Delegación FGB organizou toda un festa para botar o peche a esta iniciativa, bandeira do baloncesto base nesta temporada.
Un total de 83 xogadores preminis concentráronse nunha madrugadora mañá de sábado para dar vida á derradeira xornada do “3×3”. No pavillón de Maristas, cedido para a ocasión, os nenos e nenas de Padre Feijoo, CD Maceda,Escola Deportiva Ourense e Escola Deportiva Barbadás puxeron o seu mellor xogo e a cara máis amable a un formato co que están aprendendo a desfrutar deste deporte e dos seus fundamentos.
O Presidente da FGB, Francisco Martín, non quixo perderse esta clausura e xunto aos xogadores, os seus adestradores e familiares, participou da celebración, procedendo ao final da mesma á entrega de medallas e agasallos. Ningún participante marchou sen o seu recordo.
O mandatario federativo quixo agradecer coa súa presenza, e verbalmente, a implicación de todos os participantes para con esta actividade, e felicitou aos ourensás polo seu compromiso para co baloncesto, así como polo ascenso do COB á Adecco Ouro.
Como remate, Francisco Martín quixo manifestar a súa confianza en poder estender este formato ás diferentes Delegacións Zonais, e, por suposto, en repetir experiencia en Ourense, cuxa área deportiva apostou 100% pola fórmula “3×3”.