A FGB promove o Clínic de Seleccionadores: “Facer un equipo dunha Selección”

A Federación Galega de Baloncesto despedirá o ano coa celebración, o vindeiro 28 de decembro en Tui, dun Clínic moi especial no que a compoñente formativa virá da man de nomes como Moncho López, Miguel Méndez, Vicente Rodríguez “Cholas” ou Jordi Aragonés, entre outros.

A FGB conta, para esta convocatoria, coa colaboración especial do Concello de Tui e do C.B. Tui.

Baixo un formato conxunto que agrupa ponencias, xantar e mesa redonda, A Área Deportiva da FGB presenta o seu “Clínic de Seleccionadores: Facer un Equipo dunha Selección”.

O vindeiro 28 de decembro, na localidade pontevedresa de Tui (Pavillón Municipal, 12:00 h); a Federación Galega de Baloncesto reunirá a seis notables adestradores do Baloncesto Español, co especial denominador común do seu papel, no pasado recente ou no presente, dentro de Seleccións Nacionais ou Autonómicas.

Moncho López, adestrador do portugués FC Porto – Dragon Force e ex seleccionador absoluto de España e Portugal, encabeza un cartel no que destacan tamén tres dos nosos Seleccionadores Galegos de Base: Miguel Ángel Hoyo (infantil masculino), Cristina Cantero (cadete feminina) e César Iglesias (cadete masculino).
Os catro serán os responsables de iniciar a actividade a través de sendas charlas persoais en torno á temática proposta, a cal coñecen á perfección: “Facer un Equipo dunha Selección”.

Mesa redonda de “luxo”
A calidade dos relatores continuará avalada polo alto nivel dos restantes participantes neste “Clínic de Seleccionadores”, que recollerán en horario de tarde a testemuña da análise e o debate.

Neste caso, a través dunha especial “mesa redonda”, contarase coa presenza de Vicente Rodríguez “Cholas”, ex seleccionador nacional sénior feminino; Miguél Méndez, ex seleccionador feminino FEB en categorías Base; e Jordi Aragonés, Preparador Físico da Selección Española Absoluta Feminina.

A súa experiencia e coñecementos poranse a disposición de todos os asistentes, que poderán recoller de primeira man o que supón estar ás rendas dunha Selección e convertela nun verdadeiro equipo.

Inscrición
A posibilidade de inscribirse neste “Clínic de Seleccionadores” permanece xa aberta e tramitarase, unicamente, vía mail a través de adestradores@fegaba.com.

Os interesados en participar deben enviar as súas solicitudes a esta dirección, na que se asumirán por estrita orde de chegada ata cubrir o límite de 30 prazas marcado para a actividade.

Unha vez se lles valide a súa inscrición, os asistentes terán que realizar o abono da cota de inscrición, 15 euros; o cal inclúe as ponencias, o xantar (Restaurante Monumental) e a mesa redonda, e se fará efectivo en persoa, no propio Pavillón de Tui, á chegada ao Clínic.

Validación Formativa
Este “Clínic de Seleccionadores: Facer un Equipo dunha Selección” conta tamén co aliciente da validación de OITO HORAS de formación para os alumnos dos Cursos de Iniciación, Nivel 1 e Nivel 2 2013 – 2014 que asistan ao mesmo.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram