A FGB pon en marcha o seu “Campus Formativo Online”

A Federación galega de Baloncesto da un paso máis na súa capacidade formativa. Neste mes de setembro estrea o seu propio “CAMPUS FORMATIVO ONLINE”, un novo espazo no que ofrecer múltiples opcións de aprendizaxe ás diferentes áreas que integran o Baloncesto Galego.

A Federación Galega de Baloncesto activa este martes a súa Plataforma de formación online. Renovando os diferentes cursos de adestradores e árbitros que a entidade federativa viña ofrecendo, os mesmos agrúpanse desde hoxe nunha nova ferramenta que pretende ampliar a capacidade, calidade e atención formativa da FGB, elevándoa ao nivel de exixencia do baloncesto actual.

Os departamentos FGB de adestradores e árbitros, directamente implicados neste pioneiro espazo de aprendizaxe, adecuarán a súa estrutura didáctica ao mesmo, establecendo uns obxectivos claros:

Miguel Ángel Pérez, Director Técnico do Comité Galego de Ábitros: “Desde a Área Arbitral valoramos esta nova ferramenta de gran utilidade para proporcionar un primeiro contacto básico coa arbitraxe. Básico pero con maior calidade pedagóxica que ata agora e ampliable, no seu uso, como ferramenta formativa no programa técnico do CGAB, permitindo entre outros, poder realizar vídeo test, foros de discusión sobre arbitraxe, web meetings, etc….todo iso dentro da mesma plataforma, converténdose, de feito nun centro de formación do arbitraxe a través da Rede e a diferentes niveis formativos”

Carlos Colinas, Director Deportivo FGB: “Para a área de adestradores FGB, dispoñer dunha ferramenta como a PLATAFORMA FORMATIVA EN LIÑA, eleva a calidade no ensino e aumenta exponencialmente, as posibilidades cara ao colectivo de adestradores galegos. Ser capaces de interactuar, transmitir e compartir coñecementos de xeito non presencial outorga a este proceso formativo un nivel ata agora non alcanzado. É un reto para nós optimizar dita ferramenta e impulsar aínda máis o continuo crecemento que o -adestrador galego- vén experimentando nos últimos anos”.

O acceso ao CAMPUS FORMATIVO ONLINE mantense activo xa dende a nosa propia web. 

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram