A Federación Galega de Baloncesto comunica o seu apoio ao Club Baloncesto Peixefresco Marín no actual estado de exclusión do seu equipo, por parte da Federación Española de Baloncesto, na lista de clubs admitidos na Liga LEB Prata 2017 – 2018.
Na xornada do mércores, 19 de xullo; esta Federación Autonómica remitiu escrito oficial á Federación Española detallando aquelas circunstancias que considera incorrectas ou que incumpren o Regulamento Xeral FEB e polas que Club Baloncesto Peixefresco Marín permanece, actualmente, fora da lista de clubs debidamente inscritos na indicada LEB Prata 2017 – 2018.
Considerando que o equipo de Marín materializou en tempo e forma o solicitado pola FEB para a súa correcta inscrición na competición, e reclamando da Federación Nacional que rectifique esta decisión conforme ao estipulado no seu Regulamento, a FGB confía na positiva resolución desta situación.
Club Baloncesto Peixefresco conta ademais nestas circunstancias co apoio dos restantes clubs galegos con presenza en categorías sénior masculinas de elite: Obradoiro CAB, Club Baloncesto Breogán, Club Ourense Baloncesto, Básquet Coruña e Xuventude Baloncesto; os cales reunidos o mércores, 19 de xullo; na sede da FGB en Compostela, transmitiron aos representantes do club de Marín a súa confianza en que esta tesitura se corrixa.