A Federación Galega de Baloncesto, co ánimo de aclarar situacións e comentarios que poidan crear confusión ou sentar falsos precedentes, desexa puntualizar parte das declaracións realizadas polo presidente do Club Ourense Baloncesto, Antonio Gavilanes; na súa rolda de prensa do pasado sábado, 12 de xullo.
O principal representante da entidade ourensá, tal e como reflicte o propio comunicado informativo enviado polo club, expoñía a situación na que se atopa o COB na actualidade, facendo referencia neste punto ao seguinte comentario:
“Tenemos avales por 146,000 €. Teníamos un aval de FGB de 34.000 €, el 3 de julio, a las 14:30, por tanto el total de 180.000 €, pero posteriormente, se retiró. Si asumimos los 180.000 €, no podemos asumir la póliza de 100.000 € para tener liquidez. Por tanto, la situación es complicada”.
Con respecto a esta explicación ofrecida por Antonio Gavilanes, a Federación Galega de Baloncesto desexa especificar que en ningún momento ofreceu aval ou avalou ao Club Ourense Baloncesto, ou a calquera outro club, pola cantidade indicada nin por outra cifra.
Dende a FGB queremos matizar este punto e evitar malentendidos. Na nosa vontade está, por suposto, que o Baloncesto Galego conte co máximo número de representantes posibles nas diferentes ligas FEB, pero sempre respectando a normativa e sen facer distincións entre uns e outros.