A FGB felicita a Jonathan Barreiro e Alberto Abalde

A Federación Galega de Baloncesto desexa expresar a súa ledicia polas dúas grandes novas acontecidas ao longo desta fin de semana, dúas boas noticias, sen dúbida, para a familia do Baloncesto Galego.

Falamos, como non podía ser doutro xeito, do debut de dous galegos ao máis alto nivel: o de Jonathan Barreiro (17 anos) en toda unha competición como a Euroliga nas filas do primeiro equipo do Real Madrid, e a estrea na Liga ENDESA de Alberto Abalde (18 anos) co Joventut de Badalona.

Dende a Área Deportiva da FGB, así como tamén no nome do seu Presidente, Francisco Martín; queremos facer chegar os nosos parabéns a ambos os xogadores, cuxa escola inicial neste deporte fraguouse na nosa Comunidade, pasando, por suposto tamén, polas filas das Seleccións Galegas de Base.

Felicitar aos xogadores e aos seus equipos actuais por apostar por eles, tanto na máxima categoría, como no seu habitual papel na liga EBA e en categoría Júnior, no caso de Jonathan; así como en Adecco Prata co C.B. Prat no caso de Abalde.

Será un pracer para todos os afeccionados a este deporte seguir os pasos tanto de Jonathan como de Alberto no seu futuro deportivo, o que agardamos sexa inmellorable.

Recoñecer tamén o traballo realizado con ambos xogadores por todos os técnicos e entidades que no pasado foron responsables da súa formación como deportistas.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram