A FGB achégase, de preto, aos clubs da Mariña Lucense

A Federación Galega de Baloncesto, representada polo seu Presidente, Francisco Martín; e Director Técnico de Árbitros; Miguel Ángel Pérez; compartiron na tarde do luns, 21 de novembro, xuntanza cos clubs da zona de A Mariña.

Nesta reunión, presentada como posta en común de ideas e debate de problemáticas, a FGB amosou a súa inquedanza por continuar a mellorar e incrementar as posibilidades da práctica do baloncesto nesta comarca, así como a súa intención de afondar en cuestións sempre de plena actualidade para os clubs da Mariña: formato de competicións, condicionantes xeográficos, seguimento de xogadores e xogadoras e autonomía arbitral, entre outras.

Nesta liña, e como actividade inmediata, presentouse a celebración dun curso presencial de árbitros e oficiais de mesa programado para o vindeiro tres de decembro, actividade formativa sobre a que dispón toda a información para a súa consulta a propia delegación zonal en Lugo.

Este foro serviu ademais para presentar a todos os clubs a nova persoa encargada da tarefa de responsable deportivo zonal, recaendo neste caso esta responsabilidade no adestrador de C.D. San Ciprián, Ignacio Mota.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram