A festa do Minibasket chega a O Grove coa 9ª Convivencia Benxamín C.B.O Meco

A Federación Galega de Baloncesto e o Comité Galego de Árbitros colaboran activamente na novena edición da Convivencia Benxamín, marcada desta volta para celebrarse este sábado, 7 de xuño.

O Concello do Grove e a Secretaría Xeral para o Deporte apoian tamén esta iniciativa, coa que, á súa vez, están comprometidos a Agrupación Deportiva Val do Salnés, Supermercados Gadis, Supermercados Eroski, Supermercados Froiz, CAPSA e Nutrexpa.

C.B. O Meco regresa coa súa xa tradicional Convivencia Benxamín, toda unha cita lúdico-deportiva que sempre conta con notable éxito de participación.

Unha decena de clubs correspondentes ás Delegacións FGB de Vigo e Arousa reuniranse este sábado, 7 de xuño, no Pavillón Municipal Monte da Vila (O Grove) para ser os verdadeiros protagonistas desta reunión na que a competición irá inevitablemente ligada á diversión.

Seis do Nadal – Vigo, Colexio Abrente (Portonovo), C.B. Vilagarcía, C.B. Arxil, A.D. Cortegada, Estudiantes Pontevedra, Xuven, Marín Peixegalego, Río Ulla e o propio C.B. Meco concentraranse distribuidos para a ocasión en catro pistas de xogo.

Esta 9ª Convivencia contará con competición masculina, feminina, mixta e relativa ao ano 2005/6, rexistrando un total de cinco equipos en cada un destes casos. Todos competirán dende as 10:00 h ata preto das 20:00 h, pechando a súa participación coa imprescindible entrega de agasallos e medallas.

CGAB: cita formativa
O Comité Galego de Árbitros da FGB será tamén peza importante para esta Convivencia, que servirá de escenario formativo para dezaseis colexiados menores de idade, chegados de diferentes puntos de Galicia, e que se atopan inmersos de cheo na súa etapa de iniciación.

Xunto a eles estará o responsable zonal do CGAB en A Coruña, Jorge Blanco. Respaldando a súa labor, asistirán tamén os coordinadores técnicos zonais. En conxunto, enriquecerán os ámbitos técnico e social desta actividade tan especial.

9ª Convivencia Benxamín C. B. O Meco: calendario

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram