A festa anual que organiza a Escola Basket Xiria para nenos e nenas de 5 a 8 anos podería contar por primeira vez con equipos de fóra da comunidade galega. No día de hoxe dáse a coñecer o cartel anunciador da terceira edición, cun deseño moi colorista de inspiración circense e que inclúe algúns dos símbolos da vila de Carballo. Así mesmo, en breve estará a pleno rendemento a web: www.diapequebasket.es.
O equipo organizador do 3º Día do Pequebasket está metido de cheo na programación da xornada lúdica, festiva e deportiva que se celebrará o vindeiro 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas.
Precisamente, dado o éxito e a repercusión que tivo o 2º Día do Pequebasket, nesta terceira edición barállase a posibilidade de contar con equipos de fóra da comunidade autónoma e incluso procedentes do Norte de Portugal. Polo momento, a Federación Galega de Baloncesto está completamente decidida a colaborar coa Escola Basket Xiria para impulsar a actividade, que novamente reunirá en Carballo a centos de nenos de 5 a 8 anos para desfrutar dunha xornada multideportiva, lúdica e festiva co baloncesto como pano de fondo.
Por outra banda, xa está na rúa o cartel do 3º Día do Pequebasket, cun deseño totalmente diferente ao das edicións anteriores. Nesta ocasión optouse por un cartel moi colorista e de inspiración circense e festiva, na que se utilizan elementos presentes en todos os parques de atraccións como soporte e ao que se incorporan, como parte da paisaxe, elementos singulares da arquitectura carballesa, coma a casa do Concello, e mesmo do skyline, coma o depósito de auga.
E mentres estoos pequenos detalles adiantan o que será toda unha festa do Baloncesto, podes lembrar en imaxes o sucedido na pasada edición.