A Federación Galega de Baloncesto, con Quino Salvo

A entidade federativa que rexe o Baloncesto en Galicia súmase nestes días a todas as mostras de apoio que, tanto nos medios de comunicación como nas redes sociais, están arroupando a todo un clásico do noso Baloncesto, Quino Salvo.

O ex xogador e técnico está a pasar por un momento delicado no ámbito da saúde e, por suposto, ante iso, unímonos a todas as homenaxes e propostas solidarias ao favor da súa loita.

En diferentes puntos do país, dende Valladolid ata Marín, cidades que marcaron a traxectoria de Quino neste mundo do Baloncesto, estanse a activar actos de recoñecemento e mesmo de recadación económica para axudar a Quino neste atranco duro que a vida lle puxo por diante e do que estamos máis que seguros que sairá de xeito positivo.

Estas accións de cariño para con Quino amosan que pervive a mellor das sensacións nos equipos e vilas nas que xogou e adestrou. Dende esta Federación Galega, o recordo máis especial que podemos achegar foi a brillante participación de Quino como Seleccionador Galego Sénior Masculino nos anos 2006 e 2007. Por isto, polo seu empeño sempre impecable cara nós e polo seu legado no Baloncesto Galego, a FGB, encabezada polo seu Presidente, Francisco Martín; únese ao apoio xeral a Quino, un máis dos nosos, un amante do baloncesto.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram