A Federación Galega de Baloncesto acaba de alcanzar un acordo con Cluber para que todos os seus clubs poidan acollerse ao seu plan de patrocinio.
Cluber é unha startup tecnolóxica española fundada e dirixida por tres deportistas amateur, que detectaron a necesidade de dixitalización na súa estreita relación co fútbol. Desa carencia detectada naceu unha idea e unha empresa que xa conta con centos de clubs clientes a nivel nacional.
Cluber é unha plataforma dixital mediante a que os clubs poden realizar as súas xestións habituais de inscricións, venda de material, cobro de cotas etc. Todo de forma automatizada, algo realmente útil para as entidades deportivas. Ademais, axúdalles a acabar cos custos bancarios aos que adoitan estar suxeitas estas operacións.
Mediante o recente acordo, Cluber comprometeuse coa Federación Galega de Baloncesto a patrocinar a todos os clubs da comunidade autónoma que así o soliciten, existindo unha vía de patrocinio achegando a licenza gratuíta e outra que inclúe unha axuda económica ao club.
A entidade federativa fixo coñecedores do acordo a todos os clubs para que así poidan estar ao tanto da oportunidade que se lles presenta para dixitalizar e modernizar a entidade á vez que son patrocinados por iso.