Carballo acollerá este domingo, 10 de novembro, a fase final da Copa Galicia en categoría infantil masculina, na que participarán o Escola Basket Xiria, como equipo anfitrión, o Sigaltec Vilagarcía, o Seis do Nadal Coia e o Instituto Rosalía de Santiago. No torneo daranse cita, polo tanto, os mellores xogadores galegos da categoría, moitos deles integrantes da preselección galega.
A organización desta fase final corre a cargo da Escola de Basket Xiria, o Concello de Carballo e a Fegaba, coa colaboración da Deputación da Coruña, Carballo Deporte, Conservas Calvo e Construcciones Ramón Vázquez y Reino.
Na presentación do cartel e do programa da final, que tivo lugar este xoves na casa do Concello de Carballo, participaron representantes do clube local, da Federación Galega de Baloncesto e do mesmo Concello.
O adestrador do CarballoBasket, Arturo Ferraces, subliñou que o 90% dos integrantes da preselección galega estarán o domingo no pavillón Vila de Noia, o que espera que sexa un aliciente máis para atraer ao público, xa que nesta categoría practícase un baloncesto que cualificou como “moi bonito”. Na mesma liña, o vicepresidente da Federación Galega de Baloncesto, José Manuel Villamarín, destacou que a final suporá unha excelente oportunidade para ver en acción “aos mellores xogadores do momento”. O vicepresidente agradeceu a boa disposición do Concello de Carballo e da Escola de Basket Xiria para acoller esta e outras citas importantes no calendario da Federación.
Pola súa banda, o presidente da Escola de Basket Xiria, Diego Vázquez, apuntou que a organización da xornada deportiva do domingo supón “un paso máis” na traxectoria do clube no que atinxe á organización de eventos deportivos de alto nivel, e agarda que coa colaboración da Fegaba e do Concello de Carballo a capital de Bergantiños se convirta nunha “referencia” no baloncesto de base. O camiño, asegurou, está iniciado.
Ese labor foi motivo de eloxio por parte do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que asistiu acompañado polo concelleiro de Deportes, Marcos Trigo. O rexedor cualificou a fase final que se disputará no pavillón Vila de Noia como “unha oportunidade magnífica para gozar do baloncesto” e expresou a vontade do seu Concello de “seguir apoiando sempre o deporte de base”. Nese sentido, Evencio Ferrero destacou que no municipio hai equipos federados en case todas as disciplinas deportivas abertas aos pequenos.
O calendario de partidos é o seguinte:
10.30 horas. Primeira semifinal entre Escola Basket Xiria e Sigaltec Vilagarcía
12.30 horas. Segunda semifinal entre Seis do Nadal Coia e Instituto Rosalía
17.00 horas. 3º e 4º postos
19.00 horas. Final