A Familia: Darío Méndez

Da man do seu irmán Darío, adestrador en Porriño Baloncesto Base que tamén todo o Baloncesto Galego coñece e quere, seguimos a traxectoria que trouxo a Miguel ata aquí: “A súa elección como seleccionador éncheme de orgullo. Creo que o vai a facer ben, non só por como é como adestrador senón por como é como persoa. Xestionando grupos é excelente. É unha persoa con moita paciencia, é unha persoa que sabe cando ten que apretar un pouquiño e cando ten que soltar e sobre todo porque di as cousas á cara e iso calquera xogador ou xogadora agradéceo moitísimo”.

Para Darío a evolución de Miguel ata o momento de éxito presente ven marcada pola súa orixe no Baloncesto e, posteriormente, polo seu paso polo Celta: “Miguel é un adestrador que agora está na elite do baloncesto feminino pero é un adestrador, e esa é unha das cousas que me gustan del, que non saíu dunha gran canteira de ACB ou feminina e que non foi segundo adestrador de profesionais moi bos. El o traballou, empezando no Colexio, Compañía de María, adestrando con balóns de goma”. “Penso que Miguel, ao principio, tardou en pensar como adestrador, porque el como xogador era moi bo. Cando estaba en xuvenís era moi bo xogador e eu creo que pensou ata tarde en seguir xogando. Despois foi cando lle deron a oportunidade de adestrar en 2º división en Chocolates Sabú (onde coincidimos, xa que eu adestraba a outro equipo en 2º División) e aí, é, aos poucos, onde foi crecendo como adestrador. Xurdiu despois a opción de sacar un equipo de Liga EBA en Vigo. Eu lembro aquel equipo enchendo o pavillón central de Vigo e foron de feito, no seu primeiro ano, o equipo revelación daquela liga”

E tras esta etapa inicial, coa chegada da opción de adestrar ao Celta, chegou ou momento decisivo: “O Celta foi clave para o seu desenvolvemento como adestrador, creo que foron dez anos no Celta e pasou de quedar campión de Liga, campión da Copa da Raíña e adestrar equipos con internacionais a adestrar equipos onde tivo que salvalos do descenso”. “É un club ao que Miguel tenlle moitísimo agarimo, aínda hoxe en día ségueo, mesmo de ver os seus partidos cando ten un momento”.

No salto deportivo posterior, Darío segue a facer fincapé na capacidade de traballo de Miguel, imprescindible para seguir avanzando: “Despois xorde Rivas, onde saíron moi ben as cousas: campión de copa da Raíña, xogando unha final four… Pouca xente acórdase de que aquel equipo de Miguel xogou unha final de Euroliga. Despois xurdiu o de Schio e aí xa empeza a adestrar equipos gañadores, pero gañar absolutamente todo durante tres anos non é tarefa fácil sobre todo neses equipos onde que hai que saber xestionar a motivación dun ano para outro. E agora todo o mundo fala do Ekaterimburgo pero para chegar ata alí primeiro tes que gañar cousas, tes que estar moi ben considerado, tes que levar seleccións no verán da FEB e si, ao final, chegas ao mellor equipo do mundo fóra da NBA feminina, no que tes unhas condicións de traballo que, creo eu, non teñen nin algúns equipos ACB. O único problema que tes alí é que se non gañas vas para casa. Pero el leva un percorrido, despois de todos estes anos adestrando. que si lle axuda a estar onde está agora, neste momento”

Ese camiño percorrido é, precisamente, o que fai de Miguel o adestrador e seleccionador que hoxe é: “é un adestrador que tocou todos os paus: baloncesto masculino, baloncesto feminino e non a nivel en masculino da elite que está agora en feminino, pero si que se foi formando en todos os paus, que é unha das cousas que me gustan do meu irmán.”

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram