A “Escola Galega de Árbitros” recupera pulso formativo

A “Escola Galega de Árbitros” regresa á axenda formativa da Federación Galega de Baloncesto. Esta ferramenta didáctica do Comité Galego de Árbitros retoma a súa actividade tras o parón da pasada temporada, e faino mantendo os seus obxectivos pero renovando o seu formato.

Cun total de 25 alumnos, chegados das sete delegación zonais FGB e con idades comprendidas entre os 16 e o 20 anos, esta nova etapa da ESGAR realizarase de xeito itinerante, mudando a sede única das pasadas edicións por unha combinación de aulas online e presenciais que se materializarán, simultaneamente, en diferentes localidades.

Baixo esta nova configuración, os colexiados galegos seleccionados para ser parte da Escola serán protagonistas de diferentes clases, charlas e sesións en pista que buscarán a súa mellora técnica e a súa proxección no mundo da arbitraxe.

O global desta formación está dirixido polo Director Técnico do Comité Galego de árbitros, Miguel Ángel Pérez; que estará acompañado nesta tarefa por árbitros e técnicos CGAB e relevantes profesionais da arbitraxe a nivel nacional en diferentes facetas.

Sesión Inaugural
A estrea desta “ESGAR” 21 – 22 realizouse este martes, cinco de outubro; en Compostela, cidade na que se reuniron os novos e novas alumnas e o propio Director Técnico CGAB, quen lles deu á benvida e lles trasladou a mecánica e calendario do novo curso.

Levouse así a cabo a primeira sesión dun programa que contempla xuntanzas presenciais cunha cadencia mensual, combinádoas con convocatorias de carácter virtual. Ambas culminarán no mes de xuño, intre no que os 25 alumnos pecharán a súa formación participando nas Fases Finais das Ligas FGB Minibasket e Preminibasket.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram