A Escola de Basket Xiria renova a imaxe do Día do Pequebasket

A actividade forma parte do programa de actividades conmemorativas da Copa do Mundo de Baloncesto – “GALICIA 2014. Imos pola Copa”, que se van celebrar en Galicia.

O vindeiro luns, 7 de abril; abrirase o prazo de inscrición para os clubs que queiran sumarse á xornada lúdica e deportiva do vindeiro 17 de maio en Carballo

Con motivo da celebración da Copa do Mundo de Baloncesto FIBA 2104, a Federación Galega de Baloncesto ten programadas un total de 17 actividades que se enmarcan no proxecto “Galicia 2014, Imos pola Copa”. A Escola de Basket Xiria ten a honra de contribuír a este programa co “Día do Pequebasket”, unha iniciativa que foi pioneira en todo o Estado, e que na súa primeira edición, o ano pasado, acadou un gran éxito de participación.

Nesta ocasión a responsabilidade do club é aínda maior, pero iso non fai máis que reforzar o seu compromiso cunha actividade na que cree firmemente e que, como demostran os datos do ano pasado, pode ter unha proxección aínda maior. Ese compromiso da Escola de Basket Xiria vaise materializar nun ambicioso programa de actividades que se desenvolverán ao longo de toda a xornada do 17 de maio, coincidindo coa celebración dunha festa tan emblemática como o Día das Letras Galegas.

Unha das novidades que presenta esta edición do Día do Pequebasket é a nova imaxe da actividade, na que se optou por un deseño alegre e colorido que reflicte o significado desta actividade: unha xornada de xogo e diversión, pensada para os nenos e nenas de 5 a 8 anos de idade e aberta a todos os clubs de Galicia.

O vindeiro 17 de maio esperase reunir en Carballo a máis de 400 nenos procedentes de toda Galicia, e, en consecuencia, a máis de 400 familias que compartirán unha xornada de deporte, cultura, xogos e diversión que será posible grazas á implicación de institucións como o Concello de Carballo, a Deputación Provincial da Coruña, propia Federación Galega de Baloncesto, e á colaboración de numerosas empresas e entidades ás que queremos agradecer publicamente o seu esforzo.

As cifras de participación concretaranse nas vindeiras semanas. O vindeiro luns, día 7, abrirase o prazo de inscrición, aínda que xa son numerosos os clubs que se interesaron pola iniciativa.

Actividades para a fin de semana
A xornada do 17 de maio suporá, ao mesmo tempo, o colofón a toda unha tempada na que dende a Escola de Basket Xiria estase a traballar para fomentar a visión máis lúdica do deporte entre os nenos de 5 a 8 anos de idade, un labor na que se implica hai xa varios anos. Con ese obxectivo, este curso puxeron en marcha as fines de semana do Pequebasket, xornadas monotemáticas abertas a toda a poboación nas que se mestura o deporte con actividades tan diversas como a alimentación saudable ou o Entroido.

As fines de semana do Pequebasket rematarán este domingo, 6 de abril, cunha tarde dedicada aos contos populares. Cada un dos nenos participantes recibirán un caderno que terá que ir completando a través de diferentes probas e xogos. A iniciativa está aberta a todos os nenos de 5 a 8 anos de idade, e que é totalmente gratuíta. A xornada desenvolverase de 17.00 a 19.00 horas no pavillón do IES Parga Pondal de Carballo.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram