A Deputación de Lugo presenta a II edición dos premios ao baloncesto galego que outorga a revista Zona Press

(Foto: Deputación Lugo)

(Foto: Deputación Lugo)

Tres representantes doComité Galego de Árbitros optan este ano ao premio de mellor colexiado, un recoñecemento que debuta entre estes galardóns.

Os colexiados nomeados son Miguel Ángel Pérez Pérez, Director Técnico do CGAB e Árbitro ACB e Internacional FIBA; Carlos Cortés, Árbitro ACB e Internacional FIBA; e Jorge G. Marqués, Internacional en Baloncesto en Cadeira de rodas.

(info: Deputación de Lugo) O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, presentou o mércores, no salón de actos da Deputación, acompañado de Óscar Losada, director da revista especializada de baloncesto Zona Press, o que será a gala dos II Premios ao Baloncesto Galego Zona Press, que se celebrará en Lugo e recoñecerá o traballo ao longo da tempada que rematou dos deportistas e técnicos galegos. A gala celebrarase no Pazo de San Marcos o vindeiro martes 27 de maio ás 20.30 horas. 

Durante a súa intervención, Antonio Veiga lembrou que “Lugo é unha cidade punteira en Galiza no eido do baloncesto, xa non só pola histórica traxectoria do seu club máis laureado, o Breogán, senón porque ademais conta cun bo número de equipos de baloncesto de base e tamén un importante número de equipos femininos. Por iso cremos que estes premios non veñen a un lugar alleo a este deporte, co que agardamos que sexan un éxito que sirva de precedente a vindeiras ocasións. Estes premios ao baloncesto galego son unha ocasión para ver en Lugo aos mellores deportistas da canastra de Galiza, masculinos e femininos, e tamén aos técnicos”.

Pola súa banda, Óscar Losada explicou que “dende a revista Zona Press – escrita integramente en galego- sempre tivemos claro que era algo necesario dar uns premios para salientar o traballo dos profesionais do baloncesto no decurso dunha tempada para darlle un maior realce ao seu labor e que, ese xeito, tivera unha maior visibilidade pública”.

Como novidade nesta edición haberá unha nova categoría de premios, para valorar o traballo do mellor árbitro galego da campaña, coa intención de que o público teña presente que os colexiados, cos seus erros e acertos, como os xogadores, tamén son deportistas e unha parte importante no desenvolvemento da práctica deportiva. Esta categoría súmase ás de mellor xogador e xogadora galeg@, mellor xogador e xogadora dun equipo galego, mellor estranxeiro dun equipo galego, mellor técnico dun equipo galego, e á de premio á traxectoria.

Dos 24 finalistas da edición anterior só repiten seis deportistas nas candidaturas (dous deles son preparadores). Así que entre os 20 xogadores e xogadoras finalistas só repiten catro, o que amosa as dificultades de repetir por mor do alto nivel amosado na cancha polos baloncestistas.

Relación finalistas II Premios Zona Press

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram