A Coruña prepara a chegada do formato “3×3” – Plaza 2014

O Presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín, arroupou este luns a presentación pública do campionato “3×3” Plaza 2014 correspondente á súa edición na Delegación de A Coruña, que organizará de xeito directo Básquet Coruña en colaboración con La Voz de Galicia.

O mandatario FGB estivo acompañado neste acto polo presidente do propio club anfitrión, Carlos Lamora; por un representante de La Voz de Galicia, Tomás García; e pola xerente do Centro Comercial “Espacio Coruña”, sede para esta presentación.

No transcurso da mesma déronse a coñecer os detalles do que será a edición provincial de “Plaza 2014” en A Coruña, un campionato programado para o vindeiro 7 de xullo e no que se prevé concentrar a máis de 200 xogadores.

Coruña: protagonista por partida dobre
A cidade de A Coruña será tamén sede para a fase definitiva deste formato “3×3” Plaza 2014, unha convocatoria xa de carácter autonómico e na que se concentrarán equipos chegados das sete delegacións zonais FGB.

A cita en cuestión será o 20 de xullo, coincidindo en data co encontro que a Selección Española de Baloncesto disputará na cidade herculina ante Arxentina. Convertindo A Coruña en toda unha festa do Baloncesto, non faltará detalle para a ocasión e co apoio da Federación Española de Baloncesto a Praza de María Pita será un escenario de luxo para este fin de festa.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram