A Coruña, nova aliada do Baloncesto FEB

O Alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e os presidentes da FEB, FGB e Básquet Coruña asinaron este venres un acordo para compoñer un ambicioso programa deportivo, educativo e social dirixido a 3.000 nenos e nenas.

A Federación Galega de Baloncesto e o Club Basquet Coruña serán os principais artífices deste contrato, desenvolvendo actividades de impulso e promoción do Baloncesto de Base, así como un completo programa de carácter social. Como tal, amosando o seu compromiso para con este proxecto, o Presidente FGB, Francisco Martín; e o máximo mandatario do club coruñés, Carlos Lamora; estiveron presentes na sinatura deste pasado venres.

FEB, FGB, Concello da Coruña e Básquet Coruña rubricaron este venres no Palacio Municipal de María Pita un convenio para o desenvolvemento do programa Cidade de Baloncesto 2014 mediante o cal a cidade herculina convértese na primeira de España á que a FEB designa como Cidade Asociada ao Mundobasket 2014.

O Convenio marco de colaboración pretende desenvolver un ambicioso programa deportivo, educativo e social dirixido a 3.000 nenos e nenas da cidade e doutros concellos da provincia que quixeron sumarse a esta iniciativa pioneira.

Esta alianza impulsará ademais a presenza da Selección Española de Baloncesto na cidade como sede para a celebración dos futuros partidos amigables de preparación do Eurobasket en 2013 e do Mundobasket en 2014.

A FGB, apoio activo
A FGB será unha parte importante da posta en marcha de todo esta engrenaxe. Neste marco, e coa contribución de Básquet Coruña, envorcarase na posta en marcha diferentes eventos de promoción do Baloncesto na cidade herculina: a Fase Final do Torneo 3×3 Street Ball, a instalación do Road Show ou a celebración do programa praza 2014, entre outros.
A suma do traballo federativo co esforzo dos restantes axentes implicados farán da Coruña un escenario repleto de Baloncesto.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram