
A Master Senior League, formato de baloncesto 3×3 para veteranos apoiado pola Federación Galega, gozou o pasado xoves, 7 de febreiro; en Vilagarcía dunha das datas máis sinaladas do seu calendario anual coa celebración da Copa MSL- A Esmorga na que participaron todos os equipos en competición. A vitoria final foi para o Pastelerías Yoli ao impoñerse na final ao Policlínica Patricio Serqueira por un axustadísimo 18-21.
Os preto de noventa xogadores que participan na MSL gozaron dunha intensa xornada con eliminatorias directas. Na rolda previa lograron o pase a cuartos de final Te Lo Reservo-6,25 así como Churrabasket Mobu Deportes, Pub A Bolsa e o Pastelerías Yoli, ao cabo campión da competición. Os equipos apeados nesta primeira rolda foron Angry Cats-Duende, Tintoraría-Pub Sold Out, Chantre-Alvamar e o Soher Slam Basket.
Xa en cuartos de final houbo encontros moi disputados como o que libraron Policlínica Patricio Serqueira e Churrabasket-Mobu Deportes (21-19). Tamén tivo que empregarse o equipo logo campión ante o Rock Bar Miúdo ao que superou por 17-18. Máis clara foi a vitoria do Cociñas Santos sobre o Pub A Bolsa (19-12) ou a do Andaina-Estrella Floja sobre o Te lo Reservo-6,25 (21-11).
A emoción foi en aumento nas semifinais no medio dun bo ambiente no pavillón Fexdega de Vilagarcía. O Policlínica Patricio Serqueira superou a Cociñas Santos nun final moi apertado por 21-19. Aínda foi maior a igualdade no choque entre Pastelerías Yoli e Andaina-Estrella Floja resolto en favor dos primeiros no desempate dos lanzamentos libres.
Xa na final, o equipo campión seguiu fiel á súa liña de vitorias traballadas para facerse co primeiro título da tempada na Master Senior League. Agora prosegue a liga regular ata o inicio das eliminatorias de play-off e unha festa final que volverá reivindicar que o espírito do baloncesto mantense vivo a calquera idade.