O Preparador Físico campión de Europa en 2013 coa Selección Española Absoluta Feminina, o vilagarcián Jordi Aragonés, será o novo convidado deste proxecto formativo, que suma, con esta, a súa sexta convocatoria da temporada.
O programa didáctico común de Federación Galega de Baloncesto e Obradoiro CAB, a “Aula Formativa do Adestrador Galego”, visitará o vindeiro 16 de marzo a zona do Barbanza, para levar ata a localidade de Boiro unha nova convocatoria das súas sesión formativas dirixidas a todos os adestradores galegos.
Baixo o título “Integración do traballo físico na ensinanza de Fundamentos”, esta proposta da “Aula Formativa” contará, de novo, coa dirección dun profesional de auténtico nivel: Jordi Aragonés, preparador físico da Selección Española Sénior Feminina, Campioa de Europa o pasado verán.
A cita en cuestión, na que Jordi Aragonés fará evidente a súa experiencia e coñecemento recollido ao tenor das súas experiencias tanto na Selección como noutros dos seus retos deportivos, por exemplo, o seu paso polo Wisla de Cracovia; terá lugar o indicado día 16 de marzo, en xornada dominical, a partir das 17:00 h, no Pavillón do CEIP Santa Baia de Boiro (Avenida Compostela, 48. Boiro)
Inscrición e Validación formativa
Os técnicos que desexen participar desta convocatoria deben solicitar a súa inscrición do xeito habitual para a “Aula Formativa do Adestrador Galego”: enviando email adestradores@fegaba.com e especificando nel o seu nome, apelidos e o título da charla.
Esta nova sesión da “Aula Formativa” implica tamén a posibilidade de validar a presenza na mesma por TRES HORAS de formación para os alumnos dos Cursos de Iniciación, Nivel 1 e Nivel 2 da FGB.